A ostra de Arcade prepárase para vivir a súa gran festa anual

Soutomaior
12 de marzo 2026
Actualizado: 20:07

Desde o Concello animan a veciños e visitantes a achegarse ata Arcade para desfrutar dunha celebración que combina tradición, gastronomía e música arredor dun produto que identifica a esta localidade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade Concello de Soutomaior

O peirao de Arcade, coa enseada de San Simón como pano de fondo, foi este xoves o escenario escollido para presentar a XXXVIII edición da Festa da Ostra.

No acto participaron o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez; membros da corporación municipal, ademais de viticultores e hostaleiros do concello.

A cita gastronómica, unha das máis emblemáticas de Galicia e declarada de interese turístico, volverá converter Arcade nun punto de encontro para amantes da boa mesa e do produto do mar.

Durante a presentación, o alcalde destacou o carácter especial desta celebración, que definiu como unha festa "feita con agarimo" e pensada para poñer en valor a ostra, o produto máis representativo da parroquia.

Segundo explicou, o Concello leva meses preparando unha edición que aspira a ser a mellor ata o momento.

O obxectivo é reforzar o protagonismo da ostra e acompañala dun dos seus mellores aliados: o albariño de Soutomaior, unha combinación que, en palabras do rexedor, crea "unha maridaxe perfecta entre o sabor do mar e o viño da terra".

Presentación da Festa da Ostra de Arcade    Concello de Soutomaior

A presentación serviu tamén para anunciar que a pregoeira deste ano será María Codesido García, veciña de Soutomaior.

O Concello quere recoñecer así a traxectoria dunha persoa que, segundo destacou Lourenzo, representa valores como a constancia, o esforzo e a perseveranza. A súa historia, sinalou, é un exemplo de superación e de compromiso para toda a veciñanza.

Pola súa parte, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, subliñou o valor desta festa como homenaxe ao sector do mar e ao seu traballo. Tamén puxo en valor iniciativas como o proxecto "Ostreares", impulsado pola confraría de Arcade, orientado á posta en valor deste recurso mariño.

Presentación da Festa da Ostra de Arcade   Concello de Soutomaior

A programación arrancará o 29 de marzo coa carreira popular 7K Soutomaior e coa Carreira Infantil da Ostra, ambas con inscrición gratuíta. Uns días despois, na madrugada do 2 de abril, o programa "Pensando en ti" da Radio Galega realizará unha emisión especial desde o multiúsos de Arcade, aberta ao público.

Con todo, os momentos máis esperados chegarán os días centrais da festa, entre o 4 e o 6 de abril.

Durante esas xornadas abrirán as casetas de degustación no peirao, onde as persoas asistentes poderán probar as ostras a prezos populares: 10 euros a ducia, mentres que os albariños de Soutomaior se servirán a 12 euros a botella.

Ademais da degustación tradicional, a programación gastronómica incluirá tamén a proposta culinaria "Os trés", que ofrecerá unha reinterpretación da ostra en tres elaboracións diferentes: un crujiente de gamba con tartar de ostra, unha ostra en escabeche tradicional e unha ostra marinada en teriyaki sobre crema de aguacate con caviar de arenque.

Presentación da Festa da Ostra de Arcade   Concello de Soutomaior

A música será outro dos ingredientes principais da celebración.

O venres 4 de abril actuarán Chispas do Lérez ao mediodía e, xa pola noite, as orquestras Olympus e Finisterre. O sábado continuarán as actividades coa apertura das casetas, o pasarrúas de Imperiais e os concertos nocturnos das orquestras Los Satélites e La Misión.

Nesta xornada estaba prevista unha tirada de fogos artificiais, que finalmente non se celebrará debido a un informe desfavorable de Costas por tratarse dunha zona incluída na Rede Natura.

O domingo 6 de abril, día grande da festa, comezará coa música das bandas Artística e Cultural de Arcade polas rúas da vila. Ás 11.00 horas abriranse as casetas e ás 13.00 terá lugar a lectura do pregón a cargo de María Codesido García.

Durante a mañá, a carpa do peirao acollerá a actuación de Fernando Sánchez Jazz Quartet, mentres que pola tarde o ambiente festivo continuará coa actuación de Louoband.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora