Un outono de 'Apego' en Pontevedra

Pontevedra
21 de setembro 2025

A programación, que se vai a estender entre outubro e decembro, está dirixida a familias con nenos de 0 a 6 anos ou que estean á espera dun bebé

Actividade do programa APEGO
Actividade do programa APEGO / Concello de Pontevedra

O programa Apego abriu o prazo de inscrición para as actividades que vai organizar en Pontevedra durante o outono.

Esta iniciativa, xa arraigada na Boa Vila, ten como obxectivo xerar espazos de lecer e socialización en galego para os máis pequenos.

De feito está dirixida a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos ou que estean á espera dun bebé, ofrecendo ademais recursos e ferramentas para activar e enriquecer o uso do idioma nas familias.

Todas as actividades son de balde, pero sendo necesario inscribirse previamente a través da págima web do Concello de Pontevedra, apuntate.pontevedra.gal.

Sonsoles Penadique e Chechu Riquelme abrirán a programación o venres 10 de outubro con dúas sesións de 'Animais encantados', unha actividade que inclúe música, narración oral, danza e xogo, e cuxo fío condutor son os animais máxicos propios de distintas tradicións.

A proposta para o venres 24 de outubro é 'O son que me arrola', a cargo da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy. Unha aposta pola estimulación sonora dos bebés, con música en directo e espazo para a
experimentación.

'Onde nace a lingua', de Marta Ortiz, ofrecerá o venres 14 de novembro unha sesión baseada na tradición oral con adiviñas, trabalinguas e contos para xogar con sons, ritmos e xestos.

O xoves 20 de novembro será a quenda de Luís Prego e Samuel Soto, coas sesións musicais 'Prende no colo'.

A actividade do 5 de novembro estará aberta a familias con nenos de 1 a 6 anos. Chamada 'Danzando co outono', trátase dun obradoiro de danza impartido por Laura Martínez Rey.

Ademais para a etapa entre 3 e 6 anos habilitaranse dúas propostas específicas. 'Pan con chocolate' de María e Carme da Pontragha, con dúas sesións participativas de narración oral, música e baile; mentres que as familias con pequeno de 5 anos en diante contarán con 'O gaiteiro verde' da Fundación Legar, no que aprenderán a construír instrumentos musicais con materiais naturais e a usalos para acompañar cantigas.

Por último durante as fins de semana continuará o ciclo de actividades 'Un pobo con historia de seu', a cargo de Polo Correo do Vento e Ab origine con dinamización musical de Marcelo Dobode.

Para solicitar praza nunha actividade do programa Apegao é necesario inscribirse a través do correo electrónico normalizació[email protected].

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora