A iniciativa, que busca restaurar a transmisión do galego de forma natural entre nenos e nenas en contextos familiares e de socialización, espertou grande interese tanto na cidade como na súa contorna.
Inicialmente pensado para residentes en Pontevedra, o proxecto ampliou a súa acollida a familias que, aínda que non vivan na cidade, fan vida nela por motivos laborais ou escolares, influíndo na lingua que se escoita no día a día. Actualmente conta con 500 familias.
As persoas interesadas en sumarse ao programa deben solicitar unha cita co Servizo de Normalización Lingüística, onde se lles realiza unha entrevista personalizada para propoñer medidas adaptadas aos seus usos lingüísticos e proporcionar recursos que fomenten a socialización en galego no fogar.
A técnica responsable do programa destacou que as actividades do Apego atraen a moitas familias, e que o obxectivo principal é que a infancia aprenda galego de xeito natural, especialmente nos primeiros anos de vida, entre os 0 e os 7 anos.
A participación das familias é clave, xa que "se os pais e nais falan galego, os nenos e nenas tamén o farán”.
Ademais das actividades presenciais, o programa ofrece numerosos recursos en liña a través da web apego.gal/recursos.
Estes materiais inclúen arrolos, xogos, adiviñas e ferramentas útiles para familias e profesionais da educación infantil, facilitando así a aprendizaxe do galego desde idades temperás.
A técnica tamén destacou a crecente demanda das familias de que haxa máis galego na contorna escolar, un espazo clave para a socialización en lingua galega.
"A demanda é clara e os datos demostran que esta é a liña de acción necesaria”, afirmou.
Dentro das actividades programadas, onte tivo lugar a sesión de narración oral ‘O pozo do encanto’, con Lydia Botana e Fabaloba, que presentaron recursos para a crianza en galego.
Este venres 18 de outubro, celebrarase ‘Tralará’, unha sesión de contos e música con Marta Ortiz, pensada para xogar coa lingua a través de cantos, retrousos e rimas.
As actividades do programa Apego requiren inscrición previa, tendo prioridade as familias xa adheridas ao proxecto.