En Cuntis, este outono non só caen as follas, tamén caen fotos e likes vendo o talento que hai pola vila.
O Concello está máis que encantado coa acollida do seu concurso fotográfico "Cuntis en Cores de Outono", unha iniciativa da Concellería de Turismo que se está a converter nun auténtico festival de creatividade con cheiro a terra mollada e luz dourada.
Desde que se abriu o prazo, veciños, visitantes e probablemente algún que outro paseante casual que pasaba por alí co móbil na man están a inundar as redes sociais con imaxes espectaculares.

A galería loce con paisaxes como o monte Xesteiras, prados con aire de postal, fauna salvaxe sorprendida no seu día a día e ata detalles patrimoniais como a igrexa parroquial ou o paseo fluvial, que este mes están máis fotoxénicos ca nunca. Cuntis é o trending topic rural.
As publicacións nos perfís oficiais do Concello están a acadar milleiros de visualizacións e interaccións.
Para algo tan sinxelo como coller o móbil e saír á rúa, a promoción turística está sendo de primeira xa que Cuntis está brillando nas redes como destino termal, natural e agora tamén instagrameable.
A Concellería de Turismo destaca a sensibilidade dos participantes para captar a luz e a gama cromática deste outono galego que, entre chuvias e raiolas, dá para moito. E razón non lles falta xa que poucas campañas poden dicir que a súa mellor publicidade vén directamente da veciñanza.

O alcalde, Manuel Campos Velay, non escatimou en entusiasmo "o 'Cuntis en Cores de Outono' superou todas as nosas expectativas. É marabilloso ver como a nosa propia xente se converte nos mellores embaixadores do concello". E engadiu que cada foto é practicamente unha invitación directa para vir descubrir os encantos da vila.
O rexedor animou tamén a seguir participando, porque queda moito outono por diante e moitas perspectivas orixinais por compartir.

O concurso seguirá aberto durante as próximas semanas e trae sorpresa: o alcalde deixou caer que se sortearán tres vales de 50 euros para gastar en establecementos locais.
O sorteo terá lugar en decembro, polo que máis dun xa estará afinando o encadre para tentar gañar ese extra para as compras de Nadal.
