Por segunda vez en poucos días, unha nova avaría provoca problemas na subministración de auga no centro urbano de Seixo sobre todo nas partes altas desta parroquia marinense.
A empresa concesionaria da xestión do servizo da auga en Pontevedra está a traballar na reparación accedendo a través da galería de formigón á zona da tubaxe danada. Estas tarefas teñen que coordinarse coa marea, nunha zona onde a auga impide o acceso. Foron os mergulladores a través dunha cámara os que localizaron o problema.
A rede que fornece agora a Marín é a da obra de Acuaes, que chega aos depósitos de Pedreiras, A Costa, Cadrelo e o novo de Pardavila.
Iso permite que a maioría da subministración de auga a Marín estea garantida a través dos depósitos e da nova rede. Con todo nas horas punta existen dificultades na subministración ás zonas altas.
O principal escollo está en chegar a Seixo, xa que faltaría un último tramo de unión por poñer en marcha e que permita máis auga na rede e un aumento na presión.