Outro día de clase terrorífico, pero máis divertido

Pontevedra
28 de outubro 2022

Os alumnos de segundo curso do Grao Superior de Ensino e Animación Sociodeportiva converten o instituto Sánchez Cantón de Pontevedra nun verdadeiro túnel do terror ambientado nas películas de medo máis taquilleras dos últimos anos como The Ring, It, O Exorcista, O Resplandor. A Purga ou A Matanza de Texas

Túnel do terror do IES Sánchez Cantón
Túnel do terror do IES Sánchez Cantón / Mónica Patxot

Nin un exame sorpresa, nin a hora de recoller as notas. No instituto Sánchez Cantón o día de clase máis terrorífico, aínda que tamén o máis divertido, coincide cada ano polo Samaín.

Os alumnos de segundo curso do Grao Superior de Ensino e Animación Sociodeportiva converten cada ano por estas datas o instituto nun verdadeiro túnel do terror que atravesan todos os alumnos da ESO.

"Saen cunha mestura entre medo e sorriso, pero encántalles", recoñece con satisfacción Josevi Cimadevila, o profesor que coordina esta actividade desde o primeiro ano que se realizou hai catro anos. 

A temática deste ano foi o cinema de terror. Un total de oito salas dan forma a un pasadizo que empeza polo salón de actos para terminar na segunda planta do soto do centro educativo. Os estudantes do ciclo superior, ademais de pensar, deseñar e organizar a actividade, encárganse tamén da parte máis divertida do acto: a de asustar ás vítimas, que sempre participan de forma voluntaria.

A primeira parada do túnel do terror é unha sala de cina na que se proxectan pequenos fragmentos das películas de medo máis taquilleras dos últimos anos e que termina coa icónica escena de The Ring na que unha nena sae dun pozo para, rachar a pantalla do cinema e aparecer no medio da sala e desatar o caos.

Entre berros de pánico e algunha gargallada, os asustados alumnos pasan á segunda estancia na que soa a todo volume a sirena da Purga, logo transitan por un cemiterio repleto de zombis ata desembocar na habitación do Exorcista. O pallaso de It os guía ata outro pasadizo no que as xemelgas do Resplandor buscan nenos para xogar a un arrepiante xogo.

Os que conseguen escapar chegan ao soto da Matanza de Texas, na que un asasino armado cunha motoserra ten secuestrada a unha moza que, a berros e nunha actuación digna de, polo menos un Mestre Mateo, pide que a rescaten.

Correndo, os estudantes logran abandonar ese soto ata chegar á última estancia, outra sala de cinema na que se revela o final da historia.

Todo era unha trama para secuestrar ao alumnado e matalos. É nese momento cando dous mozos armados cun machada e unha motoserra perseguen de novo aos participantes que sempre conseguen abandonar o túnel sans e salvos, pero co corazón a mil e cunha boa ración de historias que lembrar ao longo de todo o curso. 

"A que dá máis medo é a primeira, pero a última, é tamén moi forte", coinciden a maior parte dos participantes e os organizadores.

"Está a saír mellor do esperado. Levou moito traballo, pero está a saír todo moi ben. O proxecto empezamos a preparalo desde fai máis dun mes", explica Nerea Domínguez, unha das alumnas que coordina a actividade.

Este ano, o túnel manterase aberto durante dúas xornadas para que poidan percorrelo os 500 estudantes de todos os cursos da ESO deste instituto pontevedrés.