Outro residente de Soremay falece por coronavirus no Hospital Montecelo

Pontevedra
12 de decembro 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, con esta nova vítima, chega aos 70 falecementos desde que comezaban a rexistrarse os datos da pandemia da covid-19. Nesta xornada de sábado, a Consellería de Sanidade notifica só tres mortes en Galicia, de persoas de máis de 88 anos de idade

Ambulancia chegando a Urxencias no Hospital Montecelo Mónica Patxot

Un home de 93 anos falecía no Hospital Montecelo durante as últimas horas, procedente da Residencia de maiores Soremay de Pontevedra onde se rexistra un gromo de covid-19. Con esta nova vítima, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés alcanza os 70 falecidos desde que se comezaron a contabilizar as mortes derivadas do coronavirus.

Continúan producíndose falecementos a diario desde o pasado luns 7 de decembro nos hospitais de Pontevedra de pacientes diagnosticados por coronavirus e súmanse xa 10 mortes no últimos seis días.

A Consellería de Sanidade notificaba durante este sábado 12 de decembro a morte de tres persoas en Galicia, sete menos que nos datos ofrecidos o venres. Ao caso de Pontevedra, súmase un home de 88 anos que perdía a vida no Álvaro Cunqueiro de Vigo; e unha muller, de 95 anos de idade, que falecía no Complexo Hospitalario de Ferrol.

Segundo o  Servizo  Galego de  Saúde, as tres vítimas mortais presentaban cadros clínicos nos que figuraban enfermidades previas. Galicia perdeu 1.306 persoas como consecuencia da pandemia.