Falece unha muller de 94 anos por covid no Complexo Hospitalario de Pontevedra procedente da residencia Soremay

Pontevedra
15 de decembro 2020

Falecía no Hospital Montecelo, vítima do coronavirus e con patoloxías previas, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade. Con este falecemento son catro as persoas diagnosticadas por coronavirus que perderon este martes a vida en Galicia como consecuencia da pandemia

Residencia Soremay en Pontevedra
Residencia Soremay en Pontevedra / Residencia Soremay

A Consellería de Sanidade notificaba este martes o falecemento de catro persoas diagnosticadas por coronavirus en Galicia.

Entre estas vítimas atópase, de novo, unha paciente procedente da Residencia Soremay de Pontevedra, que perdía a vida no Hospital Montecelo. Desta forma, continúan  produciendose decesos nesta Residencia onde se detectou un importante brote de persoas contaxiadas, entre usuarios do centro e persoal. A muller falecida contaba con 94 anos de idade e no seu cadro clínico figuraban enfermidades previas á covid-19, segundo informan desde a Consellería de  Sanidade.

Con esta vítima, o número de persoas falecidas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ascende a 72 persoas desde o inicio da pandemia e seguen sumándose falecementos practicamente a diario durante a última quincena.

As outras tres persoas que morrían nas últimas horas son: unha muller de 89 anos, que falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; unha muller de 93, no Complexo Hospitalario da Coruña e outra muller de 93 anos, que falecía na Residencia Vila do Conde de Gondomar.Todas as vítimas contaban tamén con patoloxías previas.

A comunidade autónoma suma xa 1.323 vítimas mortais como consecuencia da covid-19, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde.