Pablo Aguado, a novidade dunha feira taurina en Pontevedra que se desinfla

Pontevedra
05 de xullo 2019

O toureiro revelación desta tempada, Pablo Aguado, fará o  paseíllo na Feira Taurina da Peregrina. É a única novidade a un ciclo que este ano se achica por decisión da empresa Lozano

Eduardo Lozano e Servando Rodríguez, empresario e xerente da praza de touros de Pontevedra
Eduardo Lozano e Servando Rodríguez, empresario e xerente da praza de touros de Pontevedra / Cristina Saiz

'Cando o río soa, auga leva' di o refraneiro. E a auga finalmente chegou este 2019. A Feira Taurina da Peregrina fai augas e a empresa Prazas e Touros, xestora da praza de Pontevedra, decidiu recortar a programación a dúas corridas de touros que se celebrarán o 10 e o 11 de agosto. Esta circunstancia xa viña teméndose nos últimos anos a teor dos comentarios do empresario como "a pesar de ser uns carteis de primeira non conseguimos que a praza se encha", "a crise en Galicia segue afectando á venda de entradas", argumentos que reiterou Eduardo Lozano na presentación dos carteis este venres.

Así as cousas a segunda fin de semana de agosto, comezo da Semana Grande de Pontevedra, ofrecerase un festexo mixto de rexones e unha corrida de touros. O sábado 10 o  rejoneador Diego Ventura e os destros David  Fandila 'el Fandi' e Pablo Aguado integran o cartel que completan touros de María Guiomar Cortes de Moura y El Torero - Doña Lola Domecq. Ese día a afección terá ocasión de ver á matador revelación da tempada, o sevillano Pablo Aguado, que tras cortar catro orellas na Feira de Abril de Sevilla e saír pola Porta do Príncipe colocouse como unha das maiores expectacións para o público.

O domingo 11 lidarán touros de  Alcurrucén a terna conformada por  Morante de la Puebla, Julián López 'el Juli' e José María Manzanares. Fin da cita.

Para tratar de contrarrestar o malestar xerado por esta decisión empresarial entre as penas da cidade, finalmente organizouse unha  becerrada para o sábado 3 de agosto con  erales do Cortijillo e Hermanos Lozano (ferros propiedade da casa Lozano) para tres alumnos da Escola Taurina de Albacete: Alberto Garijo, Carla Otero e Manuel Caballero, fillo do toureiro retirado do mesmo nome. Este festexo será gratuíto para idades entre os 12 e 21 anos (acompañados de adulto en caso de ser menores de idade).

"Arrimar o ombreiro"

Mostrado todo o 'percal' esfúmase esa máxima que en 2018  manifestou nos micrófonos de PontevedraViva Radio: "para esta feira non foi posible formalizar a retransmisión por televisión dunha das tardes, pero esperamos que para 2019 si sexa posible ver en televisión a Feira da Peregrina"; ou a posibilidade do regreso do ferro de Victorinos, ausentes desde 2012.

A decisión adoptada pola empresa para a próxima feira non sería, en principio, irreversible, segundo manifestou: "se isto vai para arriba, volveriamos retomalo" afirmaba Eduardo Lozano, apelando a "arrimar o ombreiro" entre todos. Un todos, que non parece mereza motivo de autocrífica para a empresa propietaria do coso de San Roque.