Pablo Fernández destaca o papel da D.O. Rías Baixas como motor económico e turístico

Pontevedra
15 de xuño 2026

O representante autonómico subliñou a importancia desta denominación como "motor económico, social e turístico", así como o seu papel clave na proxección exterior de Galicia

Pablo Fernández e Ramón Huidobro
Pablo Fernández e Ramón Huidobro / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou este luns as instalacións do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Alí coñeceu de primeira man a situación actual do sector.

Nesta primeira toma de contacto tras a súa recente incorporación ao cargo, o representante autonómico estivo acompañado polo secretario do Consello, Ramón Huidobro.

Este trasladoulle os principais retos e oportunidades aos que se enfronta a denominación nos próximos anos.

Fernández subliñou a necesidade de manter "unha relación fluída e permanente coas entidades e organismos" que, como o Consello Regulador, "desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento económico da provincia".

Neste contexto, puxo en valor a relevancia da Denominación de Orixe Rías Baixas como un dos principais referentes do sector agroalimentario galego.

Destacou o seu papel como "motor económico, social e turístico para numerosos concellos".

Así mesmo, o delegado territorial incidiu na contribución dos profesionais da viticultura e das adegas á xeración de emprego e riqueza, así como no seu papel clave na proxección exterior de Galicia.

Finalmente, apostou por seguir reforzando a calidade e a excelencia que caracterizan os viños amparados baixo esta denominación.