En Galicia estímase que preto de 450.000 persoas conviven con dor crónica, sobre todo mulleres e persoas maiores de 65 anos. Lumbalxias, artroses, neuropatías e fibromialxia son as doenzas máis comúns, segundo a sociedade española da dor.
Diversos estudos científicos probaron que o 80% dos pacientes con dor persistente atopan na radiofrecuencia "unha alternativa terapéutica eficaz, segura e duradeira para reducir a dor e mellorar a súa calidade" indica o doutor Nabor Fernández, médico anestesista.
Nabor Fernández Castro acaba de incorporarse á Unidade da dor do hospital Quirónsalud Miguel Domínguez como reforzo ante o incremento significativo de consultas, que se rexistrou nos últimos meses. "Unha vez diagnosticado, somos conscientes de que o paciente necesita unha solución terapéutica con certa celeridade, a dor persistente resulta limitante para as actividades da vida diaria", subliña. Por iso, o hospital habilitará unha nova consulta para atender as demandas de información e diagnóstico.
MINIMAMENTE INVASIVA
A radiofrecuencia é unha técnica minimamente invasiva, mediante a que se aplica enerxía eléctrica sobre o tecido nervioso de forma controlada, co obxectivo de interromper a dor. "Entre as súas vantaxes cabe destacar unha significativa mitigación da dor, así como unha redución no consumo de analxésicos e unha mellora funcional que permite ao paciente recuperar a súa autonomía e calidade de vida", explica o doutor Nabor.
Esta técnica aplícase nunha ampla gama de patoloxías como lumbalxias, cervicalxias, ciáticas, artroses facetaria, neuralxias, dores articulares periféricas (cadeira ou xeonllo), e síndromes dolorosas rexionais complexas. Dependendo o tipo de dor e da resposta individual de cada paciente, a duración do efecto analxésico oscila entre os 6 e os 18 meses.
A Unidade da dor púxose en marcha hai máis dun ano co doutor Guillermo Petinal, médico anestesista con ampla experiencia no tratamento da dor, na aplicación de técnicas invasivas e no uso de terapias e tecnoloxía avanzada.
Traballa de forma coordinada con outros especialistas: neurocirurxiáns, rehabilitadores, fisioterapeutas, traumatólogos, reumatólogos, psiquiatras, psicólogos e oncólogos co compromiso de apostar por unha abordaxe multidisciplinar no manexo da dor persistente, construír diagnóstico compartido e xerar respostas máis eficaces no manexo da dor.
En canto a tratamentos ofrece alternativas terapéuticas específicas e personalizadas como son os tratamentos farmacolóxicos, as infiltracións e a radiofrecuencia. O hospital Quirónsalud Miguel Domínguez dispón de máis de 20 especialidades médicas e tecnoloxía radiodiagnóstica para poder obter un diagnóstico personalizado e dar continuidade asistencial a cada paciente.
