Paddle surf, kaiak e observacións astronómicas, entre as actividades familiares que propón "O monte é teu"

Pontevedra
20 de maio 2025

O Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova edición deste programa que se vai desenvolver na Fracha, no Pontillón do Castro e na Tomba entre o 23 de maio e o 21 de xuño

Parque Forestal da Fracha Concello de Pontevedra

A concelleira responsable de Montes, María José Abilleira, presentou este martes o programa "O monte é teu", unha iniciativa que busca achegar a cidadanía aos parques forestais de Pontevedra a través de 20 actividades lúdicas e educativas.

O Concello aposta por estes espazos naturais como punto de encontro e coñecemento da biodiversidade local para persoas de todas as idades.

O programa, que se desenvolverá nas fins de semana desde este venres 23 de maio ata o sábado 21 de xuño, ofrece un total de 450 prazas repartidas en actividades que se desenvolverán nos tres parques forestais de Pontevedra: A Fracha, O Pontillón do Castro e A Tomba.

Abilleira salientou o gran interese amosado pola cidadanía en anos anteriores, o que impulsa esta nova edición co obxectivo de que "coñezan os recunchos" dos montes.

A programación inclúe unha diversidade de propostas deseñadas para gozar en familia e para todas as idades, sempre cun enfoque creativo e de coñecemento. Entre as actividades máis destacadas, repiten algunhas xa consolidadas como a observación astronómica e os xogos tradicionais.

Así mesmo, haberá oportunidades para o coñecemento da biodiversidade con obradoiros como "Cómete o monte", onde se explorarán plantas de uso cotián, e "Aves e caixas niño".

Tamén se porán en marcha actividades máis activas e en contacto coa natureza, como o kaiak e o paddle surf no Pontillón do Castro, ou o "Baño de Bosque" na Tomba.

Ata 20 actividades como "O Bestiario máxico" (nocturna), "Lugares máxicos", "Ludonatura", "Buscando o norte", "A música da Natureza", "Obradoiro Petróglifos", "Ioga en Familia", "A procura do tesouro", "Descobre os parques forestais", "Ventá silvestre", "Personaxes de Conto", "Rastros e pegadas", "Naturalismo" e "Os xoguetes de sempre" completan a extensa oferta.

A concelleira fixo fincapé na importancia de realizar as inscricións canto antes, xa que as prazas son limitadas e se cubrirán por rigorosa orde de chegada.

O proceso de inscrición ábrese o luns previo a cada unha das actividades e pode realizarse a través da plataforma habilitada: apuntate.pontevedra.gal/actividades-o-monte-e-teu.

Cada persoa poderá solicitar un máximo de catro prazas. A media de prazas por actividade é de 25 persoas.

Abilleira expresou o orgullo que supón este programa polo rural, pola terra e polas tradicións, así como pola xente que vive e coida do monte durante todo o ano.

Neste sentido, agradeceu o labor das comunidades de montes de Marcón, Tomeza, Campañó, Canicouva e Verducido, fundamentais para a conservación e goce destes espazos naturais. 

Presentación das actividades de "O monte é teu" 2025Pablo Ajuria / Brais Porto

PROGRAMA:

Maio

  • 23 de maio
    O Bestiario Máxico
    Lugar: A Fracha
    Horario: Actividade nocturna, de 21:00 a 22:30

  • 24 de maio 
    Lugares Máxicos
    Lugar: A Fracha
    Horario: De 11:30 a 13:00

    Ludonatura
    Lugar: O Pontillón do Castro
    Horario: De 10:30 a 12:30

  • 25 de maio
    Buscando o Norte
    Lugar: A Tomba
    Horario: De 10:00 a 13:00

    A Música da Natureza
    Lugar: O Pontillón do Castro
    Horario: De 17:00 a 19:00

  • 30 de maio 
    Observación Astronómica
    Lugar: A Tomba
    Horario: Actividade nocturna, de 23:00 a 01:00

  • 31 de maio 
    Cómete o Monte
    Lugar: A Fracha
    Horario: De 10:00 a 13:00

    Baño de Bosque
    Lugar: A Tomba
    Horario: De 10:00 a 12:30

    Kaiak
    Lugar: O Pontillón do Castro
    Horario: De 11:00 a 13:30

Xuño

  • 1 de xuño 
    Obradoiro de Petróglifos
    Lugar: A Tomba
    Horario: De 11:00 a 13:00

  • 7 de xuño 
    Ioga en Familia
    Lugar: A Tomba
    Horario: De 17:30 a 19:00

    Paddle Surf
    Lugar: O Pontillón do Castro
    Horario: Quendas ás 10:00, 11:30 e 13:00

  • 8 de xuño 
    A Procura do Tesouro
    Lugar: O Pontillón do Castro
    Horario: De 10:00 a 13:00

    Aves e Caixas Niño
    Lugar: A Tomba
    Horario: De 10:30 a 13:30

  • 14 de xuño 
    Descubre os Parques Forestais
    Lugar: A Fracha
    Horario: De 10:00 a 13:00

    Ventá Silvestre
    Lugar: A Tomba
    Horario: De 11:30 a 13:00

  • 15 de xuño 
    Rastros e Pegadas
    Lugar: A Fracha
    Horario: De 11:00 a 13:00

    Naturalismo
    Lugar: A Tomba
    Horario: De 10:00 a 13:00

    Personaxes de Conto
    Lugar: A Fracha
    Horario: De 17:30 a 18:30

  • 21 de xuño
    Os Xoguetes de Sempre
    Lugar: O Pontillón do Castro
    Horario: De 17:00 a 19:00