Palabras para (Trans)formar a visión dos futuros profesionais da educación

Pontevedra
02 de marzo 2018

A través dunha actividade proposta polo Concello de Pontevedra, o mozo transexual Marcos Ceive explicaba a estudantes do campus a importancia de achegar á sociedade á realidade das persoas transexuais

Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte
Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte / DUVI

Baixo o lema '(Trans)formando o mundo', o mozo transexual Marcos Ceive trasladaba este venres a estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no campus de Pontevedra as súas experiencias e as problemáticas ás que ten que enfrontarse cada día unha persoa transexual.

Xunto a Marcos Ceive, a escritora Eva Mejuto mantiña un coloquio cos universitarios presentándolles a obra '22 segundos', un libro en que se conta a historia dun mozo transexual cuxo obxectivo se centra en xerar empatía entre a mocidade.

Aspectos como obter un DNI acorde coa identidade sexual foron situacións ás que tivo que enfrontarse Ceive, que sinalaba que, ata hai pouco, era necesario pasar dous anos de terapias entre psicólogos e psiquiatras para que se puidese iniciar un tratamento hormonal.

Marcos Ceive afirma que segue sen estar normalizada a situación dos transexuais xa que está catalogada como unha patoloxía. Este mozo explicaba aos estudantes que aínda queda moito por facer no tecido social para que a diversidade sexual sexa aceptada de maneira maioritaria. 

O encontro, promovido polo Concello de Pontevedra, pretende que os futuros educadores sexan sensibles á diversidade e á importancia que a literatura ten para achegar aos máis novos á identidade de xénero, tal e como publica Eduardo Muñiz para o Diario da Universidade de Vigo ( DUVI).