Paloma Castro asegura que "non haberá máis atrasos que comprometan a xestión do refuxio animal"

Pontevedra
04 de agosto 2019

A concelleira socialista logra reactivar o convenio de colaboración coa asociación Os Palleiros e desatranca o pago das axudas que permiten o coidado e custodia dos animais abandonados na canceira de Campañó

Can abandonado na canceira
Can abandonado na canceira / Mónica Patxot

A concelleira de Benestar Animal, Paloma Castro, logrou poñer fin á incertidume que vivían os membros da xunta directiva da asociación Os Palleiros ante o "atasco " no pago das subvencións que fan posible a xestión do refuxio de Campañó. Segundo afirma a socialista, esta situación de inquedanza, que lle foi transmitida cando apenas levaba uns días a cargo do departamento municipal, quedou resolta "coa aprobación do borrador dun novo convenio de colaboración en Xunta de Goberno (na sesión celebrada o pasado día 18 de xullo) e co abono case inmediato da preceptiva achega económica".

"A Administración municipal xa lles abonou a cantidade correspondente, que recibiron hai un par de días e, dende logo, non haberá máis atrasos que poidan comprometer a xestión da refuxio por parte de Os Palleiros", subliña Castro.

O convenio subscrito en 2013 entre a asociación e o Concello para o coidado e custodia dos cans e doutros animais domésticos vagabundos e extraviados prevía unha subvención de 27.400 euros e a súa vixencia expirou o pasado 31 de decembro de 2018. A finais de marzo deste ano, Os Palleiros solicitou a través do Rexistro Xeral municipal unha achega económica de 35.000 euros coa finalidade de destinala á xestión da protectora de animais, incluíndo na súa solicitude a documentación necesaria para a tramitación e formalización dun novo convenio de colaboración.

O refuxio de Campañó alberga a perto de 150 cans que precisan coidado e alimentación diarios, moitos deles con penso gastrointestinal. Ademais, a asociación, que desempeña o seu labor grazas a axuda desinteresada dos seus voluntarios, debe pagar tódolos meses polos seus servizos a seis traballadores e a unha veterinaria.

Ante o atraso que se producira no pago das axudas durante o anterior mandato, a concelleira Paloma Castro comprometeuse coa directiva de Os Palleiros a reactivar o convenio e a axilizar ao máximo o cobro da cantidade correspondente. Así, o acordo aprobado en Xunta de Goberno establece a obriga do Concello de achegar á asociación 35.000 euros anuais, a pagar trimestralmente de xeito fraccionado.

FOMENTO DA ADOPCIÓN

O borrador do novo convenio entre o Concelllo e Os Palleiros tamén prevé a realización de actividades educativas e de sensibilización da cidadanía en materia de protección animal, así como o desenvolvemento de todas aquelas tarefas e actividades destinadas ao fomento da adopción responsable dos animais aloxados no refuxio de Campañó.