Papá Noel adianta o Nadal e enche de ilusión a área pediátrica do Hospital Provincial

Pontevedra
24 de decembro 2025

Familias e persoal sanitario non perderon a oportunidade de saudalo, intercambiar unhas palabras e capturar o momento con fotografías que xa forman parte do álbum de recordos

Papa Noel visitó el área de pediatría Sergas

Desde o mismísimo círculo polar ártico até o corazón de Pontevedra. Así foi a viaxe exprés que realizou este mércores Papá Noel, que fixo unha parada moi especial no Hospital Provincial para cumprir unha misión tan importante como repartir agasallos, regalar sorrisos, ilusión e un pouco de maxia aos nenos ingresados na área de hospitalización pediátrica.

Chegado directamente desde Rovaniemi, Finlandia, o home máis esperado do Nadal decidiu adiantar parte da súa complicada axenda mundial para sorprender aos pequenos mentres aínda estaban espertos.

Co seu inconfundible traxe vermello e un gran sorriso, percorreu corredores, habitacións e espazos comúns, convertendo o hospital nun auténtico escenario do Nadal.

Familias e persoal sanitario non perderon a oportunidade de saudalo, intercambiar unhas palabras e capturar o momento con fotografías que xa forman parte do álbum de recordos máis especiais destas datas.

Os agasallos foron só unha escusa xa que o verdadeiramente importante foi o ánimo, a proximidade e a faísca de esperanza que Papá Noel deixou en cada encontro.

Visita de Papa Noel ao Hospital Provincial Sergas

Detrás desta visita houbo un auténtico equipo de axudantes que, desde primeira hora da mañá, traballou para que todo estivese a punto.

Papá Noel pediu aos pequenos que sexan felices a pesar de todo, mesmo nos momentos máis difíciles, e que aprendan a gozar do que teñen, non só en Nadal, senón para toda a vida.

Visiblemente emocionado, Papá Noel confesou o especial que fora compartir ese tempo con eles. "O ano que vén vémonos fóra do hospital", prometeu antes de marcharse.