Frear a compra compulsiva que adoita acompañar ás ceas de Nadal e poñer o foco na sustentabilidade é o principal obxectivo da nova campaña da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Baixo o lema "Que non sobren as sobras", a iniciativa busca reducir o desperdicio alimentario e animar á cidadanía a tirar da creatividade na cociña con receitas sinxelas e de aproveitamento.
No Nadal non debería acabar nada no lixo, especialmente cando se trata de produtos frescos e de calidade como os que se atopan nas prazas de abastos galegas. Por iso, a campaña estase a desenvolver en polo menos 14 mercados municipais de toda Galicia, onde se reparten utensilios de cociña elaborados de maneira sostible como símbolo dun consumo máis responsable.
Entre eles destacan máis de mil culleres de madeira, que inclúen un código QR. Ao escanealo, accédese á páxina web quenonsobrenassobras.gal, na que se ofrecen diversas propostas culinarias para transformar as sobras en novos pratos, recuperando receitas tradicionais adaptadas aos tempos actuais.
Ademais, este código tamén está visible en carteis situados á entrada dos mercados, para facilitar o acceso a toda a veciñanza.
A campaña cobra especial relevancia se se ten en conta un dato significativo: cada persoa en España desperdicia máis de 24 quilos de alimentos ao ano. Aínda que desde 2019 esta cifra reduciuse nun 19 %, o obxectivo da Xunta é ambicioso e pasa por acadar unha diminución do 50 %.
Este martes, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o mercado municipal da capital para apoiar a iniciativa e conversar con varias usuarias.
Durante a súa visita, subliñou a importancia de accións coma esta, que "nos axudan a vivir as festas de forma responsable", ao tempo que poñen en valor os mercados como espazos de consumo de proximidade e produtos de primeira calidade.
Con esta campaña, a Xunta pretende concienciar ás familias galegas sobre o impacto ambiental, económico e social do desperdicio alimentario, fomentar hábitos de compra máis reflexivos e reivindicar unha tradición culinaria baseada no aproveitamento. Un pequeno xesto que pode marcar unha gran diferenza tamén no Nadal.