Para caldo quente, Mourente

Pontevedra
09 de marzo 2014

Como cada segundo domingo do mes de marzo dende 1992 Mourente volveu converterse na capital do caldo galego cunha festa que xa sitúa a parroquia no calendario de festas gastronómicas. Nesta edición número XXIII da celebración, volveu repartir unhas 6.000 porcións

Contorna dos Areás
Contorna dos Areás / Diego Torrado

Como cada segundo domingo do mes de marzo dende 1992 Mourente volveu converterse na capital do caldo galego cunha festa que xa sitúa a parroquia pontevedresa no calendario de citas gastronómicas. Nesta edición número XXIII da celebración, volveu repartir unhas 6.000 porcións.

Tras o acto de imposición de capas e medallas dos confrades da Orde do Caldo Galego de Mourente do sábado, este domingo foi o día central da festa, na que colabora a Asociación de Veciños "O Castro" de Mourente e que este ano tivo como pregoeiro de excepción ao presentador televisivo Xosé Manuel Piñeiro.

Presentado polo actor Rubén Riós, Piñeiro deu o comezo da degustación a partir das 13.00 horas e, durante as horas seguintes, pasaron pola carpa miles de persoas dispostas a degustar caldo ata fartarse. Este ano o lema era 'Quen queira caldo quente... ¡¡que pase por Mourente!! '. E pasaron.

A xornada completouse coa homenaxe ao veciño de Mourente José Iglesias Salmón e a actuación de grupos folclóricos, pero o grande atractivo da cita foi, como cada ano, o caldo, que se serviu por 5 euros en 'cazola' de barro e por 2 euros en 'cunca' de barro serigrafiada, coa opción neste último caso de repetir a gusto do comensal.

Orella, tenreira. lacón, touciño entrefebrado, chourizo, grelos e pataca non faltaron nas cuncas e, para acompañar, pan, culler, coitelo, garfo e pano da mesa e o atractivo de que a 'cunca' e a cazola se poden levar para casa de recordo.