Os traballadores da área sanitaria de Pontevedra téñeno claro. O hospital único debe ser en Montecelo. Así o demanda a Xunta de Personal nun comunicado remitido este xoves e no que reflicten o malestar que produciu a "enorme ambigüidade" mostrada polo novo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, na súa recente visita ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP).
Mediante este comunicado, os representantes dos traballadores queren deixar constancia publicamente e "sen indicio de ningunha dúbida" que Pontevedra debe dispor de forma urxente dun hospital único, algo que cualifican de "absoluta necesidade" e que esa infraestrutura sanitaria "debe ser en Montecelo".
Entenden que este novo hospital de Montecelo deberá empregar ao máximo, adaptándoo ás necesidades asistenciais futuras, o investido ata a data cos edificios actuais, para conseguir un hospital de "non menos" de 600 camas de hospitalización e que sexa de financiación, construción, dirección, xestión e persoal "totalmente públicos".
Os sindicatos aseguran que, case sete anos despois da toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta e de mudar a proposta inicial e impulsar un novo hospital en Monte Carrasco, "a realidade é que a situación é insostible" e Montecelo e o Provincial "non resultan adecuados para as necesidades asistenciais actuais".
Así, conclúe o comunicado, dinlle ao goberno galego que "xa está ben de rirse de todos os pontevedreses e de gastaren diñeiro en obras que non aportan ningún valor aos usuarios e á calidade asistencial".
Neste sentido, esixen que comecen os traballos para converter Montecelo no hospital único que precisa Pontevedra, aproveitando os recursos existentes e as inversións realizadas.