O vindeiro luns 12 de marzo a fábrica de Ence no complexo industrial de Lourizán iniciará a súa parada técnica anual, polo que deixará de producir durante un período de 10 días.
Segundo comunicou a empresa pasteira, destinará a esta parada 8 millóns de euros, dos cales 4,3 millóns serán para realizar melloras ambientais e os 3,7 millóns de euros restantes para o mantemento do complexo.
Ence destaca entre esas melloras a eficiencia da caldeira de recuperación e a mellora das torres de refrixeración, o que na práctica supoñerá diminución da temperatura do efluente e influirá na diminución de emisións olorosas. O resto do investimento irá destinado a melloras en eficiencia que permitirán á planta reforzar a competitividade da celulosa galega nos mercados internacionais.
Segundo asegura a empresa nun comunicado, as emisións olorosas rebaixáronse en 2017 un 25% con respecto ao ano anterior "logrando que o impacto oloroso reducísese a menos dun minuto diario de media".
Na parada técnica anual de Ence participarán preto de 1.200 operarios pertencentes a 100 empresas, das que a compañía mantén que a maior parte son galegas, aínda que tamén estarán presentes empresas especializadas de España, Finlandia ou Suecia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.