O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o director territorial de Ence, Antonio Casal, presentaron este luns a segunda edición do plan social da compañía pasteira, dotado con tres millóns de euros para Pontevedra, Marín e Poio.
O prazo de solicitudes de axudas abrirase este 20 de marzo e finalizará nun mes, o próximo 20 de abril. Antonio Casal destacou que este plan social "constitúe un dos programas máis importantes de axudas sociais dunha empresa privada en España".
Na primeira edición 226 proxectos dos 342 presentados recibiron axuda para o seu desenvolvemento. Para a avaliación do elevado número de solicitudes presentadas na primeira edición do plan contouse coa colaboración da consultora EY (Ernst & Young, SL).
A área de actuación que máis axudas recibiu foi apoio ao deporte de base, con 92 axudas outorgadas das 121 solicitudes presentadas o que supuxo un total de 902.868 euros, seguida de impulso ao emprendemento e a economía, con 34 axudas adxudicadas das 74 que se presentaron. A experiencia obtida na primeira convocatoria supuxo algúns cambios nas cantidades destinadas a algunhas áreas de actuación.
Así as axudas dirixidas ao "Apoio e axudas á educación e cultura", terán un importe máximo de 300.000 euros; o "Impulso ao emprendemento e a innovación", 600.000 euros; a "Recuperación e coidado da contorna", 400.000 euros; o "Apoio ao deporte de base", 900.000 euros; a "Loita contra a exclusión social", 530.000 euros; as "Axudas veciñais diversas", 200.000 euros; "Dixitalización do proceso de solicitude e adxudicación de axudas", 20.000 euros e finalmente para a "Administración, xestión e comunicación", destinaranse 50.000 euros.
O plan social forma parte do pacto ambiental entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia e ENCE o pasado 28 de xuño de 2016. A compañía confía en que a presente convocatoria teña mesmo máis éxito e aceptación que a primeira edición do plan e así "poder seguir contribuíndo activamente á calidade de vida dos seus veciños e o crecemento económico da comarca".
Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas que presenten proxectos a desenvolver no ámbito territorial dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio.
Excepcionalmente, poderán apoiarse proxectos noutras zonas, fundamentalmente relacionados con actividades forestais e de coidado da contorna. Antonio Casal sinalou que xunto a estas axudas, Ence ademais complementa os avances na xestión ambiental da súa fábrica de Lourizán, así como os "importantes proxectos de investimento e mellora operativa" que está a desenvolver na súa "biofactoría" de Lourizán.
Finalmente Alfonso Rueda declarou que este tipo de axudas "fan cidade" ao ter en consideración o traballo que fan as entidades beneficiadas e desexo que este ano "ogallá podemos ser máis áxiles" na tramitación das solicitudes.