A obra do Novo Montecelo quedou totalmente paralizada ás primeiras horas deste mércores 5 de novembro con motivo da folga convocada pola FCM-CIG en todo o sector da construción, tanto en obra pública como privada.
Un piquete informativo marcou o inicio desta xornada de paro na obra de máis envergadura da comarca situándose na entrada ao recinto onde se constrúe o novo edificio do hospital de Montecelo.
A xornada de folga, convocada en toda a comunidade, ten como causa a demanda dun convenio galego que blinde os acordos provinciais e permita mellorar condicións de traballo adaptadas á realidade do sector en Galicia.
O paro tamén responde, segundo os convocantes, á negativa da patronal a negociar este marco regulador, pese a que desde a CIG levan máis dun ano tentando avanzar nesta vía e consideran clave negociar localmente materias como salarios, xubilación ou xestión das xornadas.
Lara Fernández, responsable da Federación da Construción en Pontevedra, afirma que "buscamos un convenio galego onde traballadores e traballadoras poidan decidir as condicións que se axusten á situación de Galicia para conseguir salarios dignos; sen facer dez ou doce horas, obrigados a facer xornadas con horas extra; e coeficientes redutores para rebaixar as idades de xubilación".
Desde a organización sindical denuncian unha "actitude obstrucionista" das patronais provinciais e de FEGACONS, o que aboca á clase traballadora á folga para defender dereitos concretos e mellorar a seguridade dos convenios galegos fronte ás limitacións do ámbito estatal.
A xornada reivindicativa inclúe unha manifestación que partirá ás 12.00 horas desde a rúa Pasantería, diante da sede da CIG en Pontevedra, e unha concentración ás 12.30 diante da Ponte dos Tirantes.