Paredes e Figueirido acenden o seu Nadal

Vilaboa
02 de decembro 2023

Tanto a iluminación do parque do Canaval en Figueirido como a de Paredes reflicten o traballo conxunto da veciñanza de cada parroquia durante os últimos dous meses

Acendido da iluminación do Nadal en Paredes e Figueirido
Acendido da iluminación do Nadal en Paredes e Figueirido / Concello de Vilaboa

En Vilaboa xa se vive con intensidade o Nadal, tras o aceso da iluminación preparada en dous lugares sinalados do municipio, no parque de Canaval en Figueirodo e tamén en Paredes.

En ambos os dous casos, sinala o Concello, a decoración do Nadal reflicte o traballo conxunto da veciñanza de cada parroquia durante os últimos dous meses, nos que dedicaron tempo e esforzo para crear un punto de encontro durante as festas.

"Nun municipio tan extenso como o noso pero cun orzamento tan limitado e que ademais non ten un núcleo definido sería imposible crear unha ambientación así. Por iso o meu máis sinceira felicitación e recoñecemento a estes veciños e veciñas que nos fan a todos sentirnos orgullosos de ser de Vilaboa", afirmou o alcalde, César Poza.

"Nin Madrid,nin París nin Nova York poden presumir dunha ambientación de Nadal como a nosa", defendeu o rexedor asegurando que "aquí impera a sustentabilidade, a responsabilidade ambiental, a boa convivencia e o satisfacción de ser de Vilaboa".

En canto á decoración un iglú, árbores, trens con vagóns, unha nora e unha randeeira iluminada son algunhas das atraccións que se atopan nos 400 metros lineais que a asociación Camiño Vello en Paredes afanouse en decorar, mentres que en Figueirido a asociación de veciños transformou o Canaval nun parque temático do Nadal cun matiz solidario no que destacan trineos, trens, árbores, moitas luz, un castelo e ata un portal de Belén. 

A estas dúas zonas sumarase nos próximos días Cabodachán.