As orquestras París de Noia, Os Satélites, La Ocaband, Capitol, Marbella, Ritmo Joven, Miramar e Grupo Azabache serán as encargadas de poñer ritmo ao San Xoán de Poio.
Así o deu a coñecer este sábado o Concello de Poio, que publicou un avance da programación da festa prevista entre os días 22 e 27 de xuño.
A festa abrirá o domingo 22 coa lectura do pregón e dará paso a seis días de tradición, música, deporte, gastronomía, cultura e entretemento para todas as idades.
O mesmo día do pregón, o día 22, por segundo ano consecutivo organízase a verbena no Campillo do Mosteiro, coa actuación do Grupo Azabache.
Trátase dunha tradición que se recuperou hai un ano para poñer en valor os bailes que se organizaban no pasado.
O luns 23, na noite de San Xoán, a verbena da zona da Seca estará protagonizada por outra orquestra local, Ritmo Joven.
O martes 24 será a quenda de Mirabar e La Ocaband.
O mércores Os Satélites e París de Noia serán os encargados de poñer a música na Seca.
O xoves 26 actuarán Capitol e Marbella.
O concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, anunciou que a programación completa darase a coñecer nos próximos días e que desde o goberno local están convencidos de que, "de novo, o San Xoán vai ser unha festa para divertirse e para troulear con amizades e coa familia, porque imos presentar unhas festas participativas, inclusivas e para todos os públicos".