O parque infantil da Praza das Regas será máis grande e terá unha zona de estancia

Pontevedra
05 de xuño 2025

O novo parque terá dúas áreas diferenciadas, unha dedicada a xogos orientados a nenos maiores de 6 anos e outra para os que teñen menos desa idade. A reforma completarase con mobiliario urbano

Parque infantil da Praza das Regas
Parque infantil da Praza das Regas / Concello de Pontevedra

O goberno municipal de Pontevedra iniciou o proceso para a contratación dunha intervención que permitirá ampliar o actual parque infantil da Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos.

Esta actuación suporá a creación dunha nova zona de xogos e a reforma paisaxística de todo este ámbito, segundo explicou a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde.

O novo parque terá dúas áreas diferenciadas, unha dedicada a xogos orientados a nenos maiores de 6 anos e outra para os que teñen menos desa idade.

En ambos os dous casos, os licitadores terán que instalar xogos inclusivos e que teñan criterios de accesibilidade universal.

Con respecto á zona de estancia, terá mobiliario urbano para a rapazada e os seus acompañantes con, cando menos, tres bancos e dúas mesas tipo picnic.

Ademais, tamén haberá un banco corrido dentro do parque.

A obra ten un orzamento de 145.000 euros e un prazo de execución de dous meses.

A zona de intervención neste parque, situado entre a Praza das Regas e as rúas Angel Amor Ruibal e Ramón Cabanillas, é de 650 metros cadrados.