O parque sobre a pasarela de Doce de Novembro busca xa quen o termine

Pontevedra
02 de xullo 2026

Tras a quebra da construtora Oresa, que apenas iniciara os traballos, unha segunda empresa terá que asumir este proxecto, que se contratará por 690.000 euros

Recinto pechado da pasarela Doce de novembro

O goberno municipal de Pontevedra volveu a sacar a licitación o novo parque urbano sobre a pasarela da Rúa Doce de Novembro.

Tras a quebra da construtora Oresa, que apenas iniciara os traballos, unha segunda empresa terá que asumir este proxecto, que se contratará por 690.000 euros.

O prazo de execución deste parque, financiado con cargo aos fondos da Deputación que lle corresponden ao Concello, é de catro meses.

O importe de licitación reduce en 20.000 euros o orzamento orixinal, cantidade que corresponde á parte das obras que xa foran iniciadas antes da paralización.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a súa satisfacción pola reactivación desta obra. "É unha alegría que volva a saír a licitación porque a pasarela é un espazo moi utilizado polos veciños", sostivo o rexedor pontevedrés.

O deseño prevé unha transformación integral do espazo que contará cun pavimento continuo de formigón armado en tons branco e negro, delimitado con bandas de granito silvestre e combinado con lousas ecolóxicas ecoGranic.

Ademais, instalaranse pavimentos podotáctiles para garantir a accesibilidade de persoas con discapacidade visual.

A conectividade peonil resolverase mediante unha rampa adaptada con pasamáns de aceiro inoxidable que unirá o parque coa rúa Santa Teresa de Jesús Jornet, habilitándose tamén un acceso traseiro ás edificacións existentes.

A humanización do espazo completarase cunha fachada vexetal no linde este para cubrir as medianeiras dos edificios e unha banda arboredo pegado á calzada.

Esta zona contará con especies como pradairo americano, pradairo prateado, catalpa, xacarandá, liquidámbar e cerdeira xaponesa.

Todo este ámbito disporá de bancos, papeleiras e iluminación led.