Bricantel España, unha empresa especializada no sector, será a que execute a construción do novo parque infantil temático na zona de Ánkar, na parroquia de San Salvador, que xirará arredor da figura de Cristóbal Colón.
Custará finalmente 142.646 euros e ten un prazo de execución de tres meses, polo que se prevé que estea rematado no último trimestre do ano, arredor do mes de outubro.
Este proxecto permitirá renovar por completo a actual área infantil, cun deseño centrado na temática coloniana pola proximidade da Casa Museo de Cristóbal Colón e co obxectivo de ampliar a capacidade do espazo, facelo máis accesible e garantir a inclusión.
A peza central será unha réplica da embarcación Santa María, o barco no que Colón realizou a súa primeira viaxe a América.
Esta estrutura contará con diferentes zonas de xogo a distintas alturas, incluíndo tobogáns, paneis trepadores, zonas de escalada, hamaca cama, timón, telescopio, mapa do tesouro ou crebacabezas.
A área de xogo ocupará aproximadamente 300 metros cadrados e contará tamén cunha segunda embarcación máis pequena, adaptada especialmente para nenos e nenas menores de 6 anos.
Entre os elementos adicionais figuran columpios (tamén para bebés e inclusivos), xogos xiratorios con temática mariña e outros equipamentos que reforzan o carácter lúdico do espazo.
Entre as melloras incorporadas ao proxecto destacan 48 meses de garantía da obra civil e unha ampliación do prazo de garantía dos equipamentos ata os oito anos.