Participación masiva na manifestación en defensa da sanidade pública en Caldas

Umia
21 de novembro 2022

A protesta convocada polo Bloque Nacionalista Galego desenvolveuse coa participación de persoas procedentes de Cuntis, Moraña e Portas, ademais de Caldas. Denuncian a situación que se está a padecer no Punto de Atención Continuada do municipio onde se repiten as situacións de ausencia de facultativo para atender os usuarios

Manifestación en defensa da sanidade pública en Caldas convocada polo BNG
Manifestación en defensa da sanidade pública en Caldas convocada polo BNG

O BNG, convocante da manifestación que este domingo desenvolvíase en Caldas, sitúa en 4.000 persoas o número de participantes da protesta que percorreu as rúas do municipio en defensa da sanidade pública.

Residentes nos municipios próximos de Cuntis, Moraña e Portas tamén se sumaron a esta mobilización cidadá reclamando unha solución á situación que se produce con frecuencia no Punto de Atención Continuada de Caldas, que rexistra a falta de persoal facultativo para atender os pacientes.

A marcha finalizaba ante o centro de saúde onde se corearon consignas esixindo ao goberno popular da Xunta de Galicia unha solución inmediata. "Queremos un PAC con médico, unha sanidade de primeira para todos os veciños e veciñas", afirman desde o BNG de Caldas.