Rebelión en Cuntis pola "nefasta" situación sanitaria: sen médico estes días e sen cita ata o 10 de xaneiro

Umia
27 de decembro 2023

Manuel Campos interpela a Alfonso Rueda. "O único que lle pido ao presidente da Xunta, que vén tomar cañas a Cuntis, é que se pase hoxe por Cuntis a tomar unha caña e vexa a situación do centro de saúde", sostén. Anuncian medidas "moi claras" para manifestarse en contra do que consideran "un atropelo para a nosa veciñanza"

Cartel anunciando que no centro de saúde de Cuntis non hai médico
Cartel anunciando que no centro de saúde de Cuntis non hai médico / PSOE de Cuntis

O centro de saúde de Cuntis ten este mércores un cartel colgado na porta anunciando que non hai médico e todos aqueles pacientes que intentan solicitar unha cita para os vindeiros días atópanse con que non hai oco dispoñible ata o 10 de xaneiro.

Esta situación levou ao grupo de goberno de Cuntis a desprazarse este mércores ata o centro para coñecer de primeira man a situación e, unha vez comprobado que é "lamentable" e "insostible", anuncian medidas. 

O alcalde, Manuel Campos, anuncia que vai convocar unha xunta de voceiros nos próximos días e que van tomar medidas "moi claras" para manifestarse en contra do que consideran "un atropelo para a nosa veciñanza".

A situación deste mércores, segundo Manuel Campos, é "moi grave" e vai continuar nos próximos días

Desta maneira, un paciente que precise atención urxente debe acudir ao PAC de Caldas ou chamar ao 061 para que unha ambulancia o traslade a outro centro de saúde. 

Trátase dun capítulo máis do que se está a vivir todo o ano, dado que debería ter tres médicos e levan meses só con dous porque o terceiro está de baixa e "o Sergas no substitúe este médico en todo o ano".

Desde Cuntis piden á Xunta de Galicia e ao Sergas que adopte medidas "inmediatamente" e que repoña o médico.

Responsabilizan directamente desta situación á Xunta e Manuel Campos interpela ao presidente autonómico, Alfonso Rueda. "O único que lle pido ao presidente da Xunta, que vén tomar cañas a Cuntis, é que se pase hoxe por Cuntis a tomar unha caña e vexa a situación do centro de saúde", sostén o alcalde.