O Partido Popular de Pontevedra denuncia as "numerosas deficiencias" que presenta a rúa Cruz Gallástegui tras o proceso de peonalización levado a cabo no 2016 e que, nas súas palabras, "agravou os problemas que padecen comerciantes e veciños".
O seu presidente e portavoz municipal, Rafa Domínguez, así como a concelleira Silvia Junco, sinalan que acudiron " á chamada" dos representantes das 11 comunidades de veciños da rúa e comprobamos, unha vez máis, que o abandono por parte dos responsables municipais do BNG é total e absoluto".
O líder do PP lamentou que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, non se preocupase persoalmente polos afectados, despois de que o concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, acumule "case catro meses sen dar resposta aos veciños, a pesar de haberse comprometido o 11 de febreiro a facelo no prazo aproximado dun mes".
Así mesmo, Domínguez engadiu que "o BNG de Lores vive afastado da realidade. Crearon unha rúa máis insegura, máis sucia, menos accesible e na que non se reduciu o número de vehículos de forma significativa. E non só iso, nin sequera atenden as demandas expresas polos seus veciños para poder mellorar unha das rúas máis céntricas e importantes de Pontevedra".
O dirixente popular criticou tamén a deterioración do mobiliario urbano con lousas afundidas, bancos rotos, falta de colectores, farois golpeados e tortos, e a necesidade de aumentar as prazas de aparcadoiro para evitar que os vehículos de particulares e servizos sigan invadindo de forma recorrente a beirarrúa dereita no sentido da circulación.
"A peonalización de Cruz Gallástegui fracasou. Non se cumpriron as expectativas e a impresión xeneralizada que nos levamos da visita cos veciños é unha sensación de caos, descontrol e sucidade. Só fai falta pasear cinco minutos por Pontevedra para comprobar que, non só os barrios e as parroquias están abandonadas pola falta de xestión municipal, tamén Cruz Gallastegui, ouna das rúas máis céntricas e importantes, continúa degradándose cada día", criticou o popular.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.