Pasado e presente, unidos na creación de Memoria en Rede

Pontevedra
01 de abril 2016

Nace Memoria en Rede, un proxecto que ten como obxectivo relacionar as novas tecnoloxías do presente coa memoria do pasado. Esta idea céntrase naquelas persoas que non naceron na era dixital e que desexan publicar antigas historias de vida

O concelleiro de Normalización Lingüística Alberto Oubiña, durante a presentación de Memoria en Rede PontevedraViva

Actualmente, ninguén se imaxina unha vida sen o seu computador ou sen poder estar conectado permanentemente ao móbil. Isto é a consecuencia do continuo avance tecnolóxico da sociedade, pero non sempre foi así.

Deste xeito, xorde Memoria en Rede, unha iniciativa impulsada polo Concello e presentada este venres 1 de abril polo concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña. A idea consiste en conectar os avances tecnolóxicos do presente coa memoria do pasado. En principio pode parecer que "non teñen nada que ver" pero o obxectivo é facer partícipes ás persoas non nadas na era dixital, dun mundo onde predomina a tecnoloxía. Búscase desta maneira dar valor a historias da vida.

O proxecto comeza en Mourente o vindeiro martes 12 de abril no Local Social de Cons, aínda que Oubiña admite que é "perfectamente exportable e extensible ao resto de parroquias". Este plan estenderase durante 10 semanas, desde as 16:30 horas ata as 19:00 horas, todos os martes e xoves. Serán ao redor de 20 as prazas dispoñibles para esta idea totalmente gratuíta.

As persoas que desexen participar, poderán contar as súas historias sobre o pasado, subir fotografías antigas ou falar sobre lendas, a cambio da publicación destas nun blogue que levará como nome memoriaenrede.pontevedra.gal. Doutra banda, por medio de cursos ensinaráselles a "empregar un computador, un escáner, esencialmente internet, correo electrónico, gravación de sons, etc" comentou o concelleiro.

En horario de mañá, a través do teléfono 986.804.300 e seguido da extensión 7111, os participantes poderán inscribirse nesta actividade que busca un feedback entre todas as partes.