O Entroido 2025 en Caldas de Reis terá a vista posta na rapazada. A Concellería de Cultura e Festas dirixida polo tenente de alcalde Manuel Fariña vén de anunciar a programación desta edición, entre o 21 de febreiro e o 7 de marzo.
Como novidade, esta edición incluirá un pasarrúas escolar. O nacionalista Manuel Fariña anunciou que o vindeiro venres 28 de febreiro ás 11 da mañá terá lugar este desfile que se estreará este ano para potenciar a festa entre a rapazada da vila termal. Nel participará o alumnado dos centros educativos de Infantil e Primaria (CRA de Caldas, CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente, CPR Encarnación e San Fermín), arredor de 400 escolares.
Desfilarán vestidos coas súas creatividades saíndo da Prazuela para despois percorrer a Rúa Real, Rúa dos Fornos, e Rúa da Igrexa con volta á Prazuela. Como broche final haberá unha merenda festiva.
O gran desfile central do Entroido terá lugar o domingo 2 de marzo con saída do Paseo Román ás cinco da tarde e percorrido polo centro da vila para que sexa máis vistoso e facilitar a participación e seguimento por parte da veciñanza.
Fariña subliña que un dos atractivos do desfile será que os premios serán "os máis altos da historia", cun importe total de 6.190 euros que se repartirán entre 11 categorías, dúas delas, as de carrozas e de mellor animación, acumulables ás nove restantes.
Ao día seguinte, o luns 3 de marzo ás cinco da tarde terá lugar a xa tradicional festa infantil de máscaras na Praza Sesto Casal. Haberá sesión de DJ con Alex Pita e tamén espectáculo musical con Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc.
O Enterro da Sardiña será o venres 7 de marzo tamén na Praza Sesto Casal, onde estará o corpo presente do peixe dende a mañá. Ás 20 da tarde comezará o velorio co canto de coplas e loas e unha hora máis tarde conduciranse os restos fúnebres da sardiña pola rúa coa procesión de viúvos e viúvas vestidas de rigoroso loito ata a Ponte da Ferrería, onde se guindará ao río.
Todas estas actividades estarán acompañadas tamén dunha programación paralela na Biblioteca Municipal destinada á rapazada. O 21 de febreiro ás seis da tarde terá lugar un espectáculo musical a cargo de Paco Nogueiras baixo o título de "C@nto contigo" destinado a nenos de máis de 3 anos; o 28 de febreiro ás 18 horas realizarase un obradoiro de máscaras de Entroido para rapazada de máis de 4 anos na que se elaborarán complementos para os disfraces; e finalmente o 7 de marzo, tamén ás seis da tarde e dirixido a nenos de máis de tres anos, haberá un espectáculo de maxia divertida a cargo do Mago Paco. Para participar é precisa inscrición previa na propia Biblioteca ou no 986530604.

SANEAMENTO
Por outra banda, o Concello de Caldas de Reis vén de adxudicar o proxecto para a implantación de saneamento de augas residuais no núcleo da Igrexa, na parroquia de Saiar.
A actuación conta cun prazo de execución de tres meses e cun orzamento que ascende a preto de 170.000 euros, unha contía que se cubrirá co Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2024
O alcalde, Jacobo Pérez, confirma que tamén se acaba de aprobar o proxecto para implantar este servizo entre Soutelo de Abaixo e Gundiñáns, continuando así coa folla de ruta para potenciar as prestacións básicas no rural.