O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, presentou a primeira edición da Andaina solidaria "Pasiño a Pasiño" que terá lugar o vindeiro domingo 8 de xuño con saída ás 10:30 horas desde as inmediacións da Azucreira.
Esta iniciativa deportiva e solidaria destinará os 5 euros que custa a inscrición por persoa á "Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia" (ASANOG).
A organización puxo a disposición das persoas que non poidan asistir a posibilidade de colaborar a través do Quilómetro Cero ingresando o seu donativo nunha conta corrente habilitada para tal fin ou por Bizum.
Nesta I Andaina Solidaria, ademais do Concello de Portas e ASANOG participan Amigos da Troula e Escudería Portas Motor e os interesados en realizar esta "Pasiño a Pasiño" deberán inscribirse antes do 2 de xuño facendo o seu ingreso.
Ricardo Martínez salientou durante a presentación o interese desta Andaina "non so desde o punto de vista de facer deporte, combatir o sedentarismo senón tamén para promocionar e coñecer o noso patrimonio natural e paisaxístico e favorecer a interrelación e socialización entre participantes, con bo humor e excelente ambiente".
"Ademais os que participemos imos colaborar dunha forma activa cunha boa causa como é apoiar o traballo que realizan dese a Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia (ASANOG)", indicou o alcalde de Portas.
Unha vez completado o percorrido, os nenos poderán participar nunha serie de actividades lúdicas que van desde unhas colchonetas ata pintacaras e máis sorpresas.