Portas, Campo Lameiro e Moraña, obxectivo dun programa piloto de mellora da mobilidade no rural

Umia
17 de maio 2025

O +Mobe, dotado con 555.000 euros, é unha iniciativa que ten por obxectivo optimizar o sistema de transporte público e mellorar a mobilidade e a conectividade en zonas de reto demográfico

Instalación dunha marquesiña
Instalación dunha marquesiña / Xunta de Galicia

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o novo proxecto +Mobe, un programa piloto que desenvolverá nos concellos de Portas, Campo Lameiro e Moraña.

Esta iniciativa busca mellorar a mobilidade e conectividade en zonas de reto demográfico do rural da provincia cun orzamento total de 550.000 euros.

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou este venres unha axuda para desenvolver esta iniciativa do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

É un dos 100 proxectos de toda España que reciben financiamento ao abeiro da convocatoria de axudas para proxectos innovadores para a transformación territorial e a loita contra o despoboamento.

Tal e como explicou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, o proxecto desenvolverase a través de cinco liñas de acción que buscan optimizar o sistema de transporte público para unha mobilidade máis inclusiva e sostible e, ao tempo, fortalecer o acceso a servizos públicos esenciais e de proximidade.

Entre elas, inclúese a posta en marcha dun estudo participativo entre a veciñanza para identificar os destinos frecuentes, os horarios preferidos, os puntos de parada ou, entre outras cuestións, as necesidades.

En base ás conclusión extraídas, implantaranse novas rutas de transporte.

Tamén se desenvolverá unha APP móbil con información en tempo real sobre percorridos, xeolocalización, paradas, horarios ou tempos de chegada, entre outros.

"Temos claro que a calidade de vida no medio rural depende do acceso aos servizos públicos esenciais e de proximidade, e por iso decidimos poñer en marcha este proxecto", asegurou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez.