Un autobús escolar que trasladaba 36 menores no seu interior foi inmobilizado pola Policía Local de Pontevedra tras descubrir que circulaba coa ITV negativa e outras graves deficiencias técnicas que poñían en risco a seguridade dos pasaxeiros.
O incidente produciuse na mañá do venres, 9 de maio, cando axentes que realizaban labores de vixilancia na Avenida de Montecelo detectaron o vehículo, que aparecía na base de datos de tráfico como inhabilitado para circular.
O autobús estaba realizando o servizo de transporte escolar ao CEIP Villaverde con escolares de entre 3 e 12 anos.
Os axentes esperaron a que o alumnado baixara do vehículo para proceder coa inspección, na que confirmaron que o informe da ITV emitido o 7 de maio do 2025 inhabilitaba expresamente o autobús para circular polas vías públicas, indicando que o seu traslado debía realizarse por medios alleos.
O documento da inspección técnica revelaba a gravidade da situación, ao sinalar unha infracción leve, oito graves e unha moi grave. Pero as irregularidades non remataban aí.
Durante a inspección, os policías descubriron tamén que os extintores do vehículo levaban caducados desde marzo do 2024, máis dun ano.
Ademais, o condutor non presentou a autorización de transporte de uso especial-escolar C, que aínda que figuraba na base de datos da Xunta de Galicia, é obrigatorio portar durante o servizo. Tampouco puido acreditar que o seguro obrigatorio de viaxeiros estivese en vigor.
Ante a dificultade de inmobilizar e retirar un vehículo de grandes dimensións, os axentes optaron por acompañar o autobús ata un lugar axeitado onde quedou inmobilizado mediante acta.
Os responsables foron informados de que o traslado do autocar ao centro de inspección técnica deberá realizarse por medios alleos e que calquera movemento do vehículo terá que ser consultado previamente coa Policía Local.
As denuncias formuladas polos axentes inclúen a condución dun vehículo con ITV negativa, o uso de extintores caducados, non portar a autorización de transporte escolar e carecer do seguro obrigatorio de viaxeiros, infraccións que poderían supoñer importantes sancións para a empresa de transporte.
A XUNTA ABRIRÁ EXPEDIENTE Á COMPAÑÍA
Tras coñecer o sucedido, a Xunta de Galicia abrirá un expediente sancionador á empresa responsable de prestar este servizo, ao entender que estes feitos supoñen un incumprimento contractual previsto no prego que rexe a contratación deste servizo.
Este prego recolle que tanto circular coa ITV negativa como usar extintores caducados nos autocares supoñen infraccións moi graves que poden supoñer sancións de entre 5.000 e 10.000 euros cada unha.
A Xunta verificou que o autobús inmobilizado contaba coa autorización en vigor para prestar o servizo de transporte escolar, outorgada antes da ITV negativa, así como o seguro obrigatorio.
Con todo, supoñen infraccións de ata 201 euros non contar coa documentación acreditativa da autorización de transportes nin co seguro obrigatorio a bordo do vehículo.
A este respecto, o executivo subliña a importancia de asegurar o máximo rigor para cumprir coas condicións de seguridade na prestación dos servizos de transporte de escolares.
Lembran que cando se detectan desaxustes ou incumprimentos nos servizos, froito do control que se realiza no sector, actúase coa apertura de expedientes ás empresas para garantir as condicións dos contratos e a correcta prestación dos servizos.