Paso adiante para a construción da Residencia da Terceira Idade en Carballedo

Cerdedo Cotobade
03 de novembro 2019

A Xunta informou favorablemente para aprobar o Plan Especial de Dotacións para esta infraestrutura que afectará a unha superficie de 10.668 metros cadrados. Este centro contará con 3 millóns de euros de orzamento e creará 59 prazas de residentes con 20 postos de traballo

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, visita os terreos onde está prevista a construción da Residencia da Terceira Idade
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, visita os terreos onde está prevista a construción da Residencia da Terceira Idade / Concello de Cerdedo-Cotobade

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo pertencente á Xunta emitiu un informe favorable ao plan especial de dotacións do Concello de Cerdedo-Cotobade para construír unha Residencia da Terceira Idade en Carballedo.

Con este informe pódense iniciar os trámites para a execución das expropiacións, a redacción do proxecto e a licitación das obras. O alcalde Jorge Cubela agarda que durante 2020 comecen as obras para que o municipio conte con esta demandada infraestrutura.

O proxecto comprende nove parcelas, en total 10.688 metros cadrados, aumentando nun 30% a superficie prevista inicialmente. A maior parte do terreo é solo rústico, pero non afecta á construción do inmoble.

O Concello deberá encargarse das expropiacións e da execución da urbanización. A construción do centro acometerase a través dunha concesión a unha empresa adxudicataria en concurso público.

O plan previsto contempla un investimento de 3 millóns de euros para a construción do edificio, que terá unha extensión de 3.304 metros cadrados e situarase na parcela de máis dunha hectárea. Inicialmente, o centro contará con 59 prazas para residentes e xerará ao redor de 20 postos de traballo, segundo informan desde o Concello.