O estado de alarma non freou a nova residencia de Cerdedo, que estará terminada no outono

Cerdedo Cotobade
15 de maio 2020

A pesar de que durante varias semanas as obras estiveron paradas, a construción xa afronta a derradeira fase das obras, fixadas nun semestre. Jorge Cubela amosou a súa confianza en que o novo xeriátrico público estará en funcionamento ao longo do vindeiro ano 2021

Obras de construción da nova residencia da terceira idade de Cerdedo
Obras de construción da nova residencia da terceira idade de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O parón da actividade derivado do estado de alarma polo coronavirus non supuxo grandes cambios para un dos proxectos estrela do ano en Cerdedo-Cotobade. A pesar de que durante varias semanas as obras estiveron paradas, a construción da nova residencia da terceira idade de Cerdedo segue a bo ritmo e xa afronta a derradeira fase das obras, fixadas nun semestre. Mantén o obxectivo de que os traballos rematen no outono deste ano 2020.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, interesouse polo estado das obras para coñecer as consecuencias da obrigatoria paralización da mesma pola crise sanitaria e desvelou que o cronograma previsto apunta á conclusión da obra física no mes de novembro.

Así, destacou o bo ritmo dos traballos malia o freo que sufriron polo Estado de Alarma e amosou a súa confianza en que o novo xeriátrico público estará en funcionamento ao longo do vindeiro ano 2021, xa que cómpre lembrar que tras a construción haberá que afrontar os procesos de contratación e subministro do equipamento e activar toda a operativa de persoal e loxística para a súa apertura.

En canto ás obras, tras o remate da estrutura xeral o pasado outono, comezaron diversas liñas de traballo que xa deron os seus froitos, xa que a cuberta xa está impermeabilizada e as tarefas de albanelería están a piques de rematarse. As instalacións de servizos tamén se atopan bastante avanzadas. En principio está previsto que o seguinte paso sexa a colocación da carpintaría exterior.

O novo xeriátrico público, impulsado polo Consorcio de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, contará con 48 prazas e disporá a posibilidade de que o Concello reserve prazas para a atención aos veciños que a poidan precisar.

O proxecto supón un investimento integral da Xunta de Galicia de 1,7 millóns de euros. A futura residencia, que está a ser acometida pola empresa Ogmios Proyecto, disporá de 24 habitacións dobres en dúas plantas.