Paso firme para mellorar os accesos ao Parque de Barosa

Barro
16 de outubro 2025

A actuación beneficiará aos milleiros de peregrinos que transitan polo último tramo do Camiño no Concello de Barro

Presentación do proxecto para Barosa
Presentación do proxecto para Barosa / Concello de Barro

O Concello de Barro iniciou o proceso de contratación das obras de mellora dos accesos ao Parque de Barosa tras aprobar no Pleno municipal os pregos correspondentes.

A intervención busca reforzar a conexión deste espazo natural coa estrada N-550 e incrementar a seguridade viaria nunha zona de paso obrigado para os peregrinos do Camiño de Santiago.

Barosa constitúe o derradeiro treito do Camiño de Santiago no municipio de Barro, polo que cada ano acolle milleiros de peregrinos.

Esta circunstancia converte a mellora da súa accesibilidade nunha prioridade para o goberno local, segundo explicou o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes.

"Este proxecto é unha mostra clara do compromiso do noso Concello coa mellora das infraestruturas, pero tamén co coidado e potenciación do noso patrimonio natural e cultural", sinalou o rexedor, quen destacou a importancia de garantir "un espazo seguro e cómodo" tanto para veciños como para visitantes.

O proxecto, deseñado polo propio Concello e financiado a través do Plan Extra de Obras Singulares da Deputación de Pontevedra, contempla varias actuación.

No proxecto figura a creación dunha senda peonil que una a N-550 co parque, a instalación de elementos de seguridade viaria como pasos de peóns e sinalización, e a renovación da rede de iluminación.

A intervención incluirá tamén a reordenación dos aparcamentos na contorna, a renovación do firme da estrada e a habilitación de prazas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

Durante a mesma sesión plenaria, o Concello aprobou a Relación de Postos de Traballo para mellorar a súa estrutura organizativa e adxudicou o subministro eléctrico municipal á empresa Iberdrola, escollida entre oito ofertas presentadas.