Durante un control rutinario de vixilancia na avenida de Lugo, a Policía Local de Pontevedra detectou un patinete eléctrico circulando de forma irregular que chamaba a atención pola súa velocidade.
Ao interceptar o vehículo e identificar ao condutor, os axentes comprobaron que o patinete, aínda que contaba co certificado e a homologación propios dun Vehículo de Mobilidade Persoal (VMP), fora modificado para superar os límites legais establecidos.
As inspeccións revelaron que o vehículo alcanzaba velocidades de ata 65 km/h, moi por riba do máximo permitido de 25 km/h para este tipo de patinetes.
Esta alteración, máis alá de supoñer un risco evidente para a seguridade viaria, fai que o vehículo perda a consideración legal de VMP.
Como consecuencia, a Policía Local procedeu á inmobilización do patinete e ao seu traslado ás dependencias policiais, xunto coa formulación dunha denuncia administrativa ao condutor.
Desde a Policía Local lembran que manipular un VMP, especialmente cando se incrementa a súa potencia ou velocidade, non só é unha infracción da normativa de tráfico, senón que tamén supón un perigo serio para quen circula con el e para o resto de usuarios da vía.
A nova regulación en materia de mobilidade persoal, en vigor desde xaneiro de 2026, reforza estas medidas e agora é obrigatorio que todos os VMP estean rexistrados administrativamente, contan cun seguro de responsabilidade civil e exhiban un sistema de identificación mediante etiqueta ou placa visible, conforme ás especificacións técnicas estatais.
O incumprimento destes requisitos non só pode impedir que o vehículo circule legalmente, senón que tamén dá lugar a medidas cautelares como a súa inmobilización, tal como sucedeu neste caso.