O Concello de Sanxenxo anuncia o traslado da sede de Turismo ao histórico Pazo de Quintáns, na parroquia de Noalla.
O goberno local enmarca esta decisión na súa aposta por descentralizar os servizos municipais e pór en valor a súa riqueza patrimonial do emblemático edificio.
O Pazo de Quintáns, declarado Ben de Interese Cultural en 2021, converterase nun punto crave dentro do plan para promocionar a contorna da Lanzada como Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas, un novo motor turístico que se suma ao atractivo natural e patrimonial da zona.
A medida forma parte dunha estratexia máis ampla que xa levou servizos municipais a outras parroquias como Vilalonga ou Adina, onde actualmente se sitúan oficinas de Medio Ambiente, Servizos Sociais, Deportes, Mocidade e Voluntariado.
A pesar do traslado, os dous puntos de información turística seguirán operativos tanto no porto deportivo de Sanxenxo como en Portonovo, garantindo así a atención aos visitantes nos principais núcleos turísticos.
Ademais, coincidindo co traslado, o Concello abrirá novamente as portas do Pazo de Quintáns aos veciños, tal como xa fixo tras finalizar a primeira fase de rehabilitación. Deste xeito, os cidadáns poderán coñecer de primeira man como quedaron as instalacións.

As obras da segunda fase están xa na súa recta final e espérase que conclúan durante a primeira quincena de setembro.
Nestes momentos, os traballos céntranse na mellora das zonas verdes, o empedrado do novo aparcadoiro e os últimos retoques no edificio multifuncional situado na zona este do recinto.
Este novo espazo terá capacidade para máis de 100 persoas sentadas e até 222 de pé, e estará preparado para acoller actividades educativas, culturais e sociais durante todo o ano.