A segunda semifinal do 34º Concurso de Murgas de Pontevedra converteu o Pazo da Cultura nun auténtico laboratorio de sátira, da fina e da non tan fina. Sobre as táboas desfilaron Equipo Ja, Jana de Leria, Arrombados e Leña Verde, dispostos a demostrar que en Pontevedra hai máis puntería ca nas novas balizas obrigatorias.
Tras unha noite moi competida, o xurado deu a coñecer a orde co que as distintas agrupacións actuarán na final. A Murga do Naveiro, coa súa proposta "Aberto en canal", actuará en primeiro lugar. O segundo lugar irá Val do Lérez, co espectáculo "Hoxe aquí mañán alá". En terceiro lugar subirá ao escenario Jana de Leria, mentres que a Tropa de Moncha a Caralla actuarán os cuartos e pechará o certame Equipo Ja.
Se algo quedou claro este mércores é que non hai tema que se lles resista. Dende as memorias do rei emérito, rebautizadas con retranca como 50 sombras do rei, ata o caso Ábalos, ao que lle puxeron ritmo de churrascada ao son de La barbacoa de Georgie Dann (con leitugas voando e chistorra en primeira liña). Tampouco faltou a nova normativa que prohibe cuspir e ouriñar na rúa, as tallas imposibles de Inditex nin unha viaxe musical polo universo de Julio Iglesias.
Houbo espazo tamén para o concerto de Jennifer Lopez e a súa estadía na Illa da Toxa, para a morriña polos locais do ocio nocturno desaparecidos en Pontevedra, para as reflexións de Felipe González e para a sempre comentada relación de Alfonso Rueda coa cidade do Lérez. Nin sequera a gala dos Premios Feroz escapou do filtro murguista.
Equipo Ja decidiu que a vida e a festa poden ir da man e mesturou un tanatorio da funeraria San Marcos coa discoteca La Luna, choramos… pero bailando.
Entre gargallada e gargallada tamén houbo reivindicación. Jana de Leria, chegados dende O Grove, abriron pedindo paz e alegría.
As cinco mellores murgas xogaranse o título este xoves ás 21.00 horas, de novo no Pazo da Cultura. A entrada será de balde ata completar aforo e tamén poderá seguirse en streaming na canle de Youtube do Concello.
En xogo, 1.200 euros para a gañadora, ainda que tamén hai premios para todas as murgas participantes e 250 euros asegurados só por subir ao escenario.