O Entroido de Poio xa ten calendario. Como resultado do consenso entre o Concello e as distintas comparsas e colectivos sociais, abrirá o 15 de febreiro e rematará o 14 de marzo.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, mantiveron nas últimas semanas diferentes encontros con representantes das comparsas e dos colectivos locais para consensuar o calendario.
Como resultado, ademais do calendario, as comparsas xa confirmaron a súa participación nas principais citas da festa: o desfile de Campelo, a pasarela na Seca e o enterro do Galo Fodorico.
O desfile de disfraces de Campelo celebrarase o domingo 15 de febreiro a partir das 12.00 horas entre a biblioteca municipal e a Praza da Granxa.
Nesta edición repartiranse 4.820 euros en premios. O prazo de inscrición abrirase a próxima semana e permanecerá aberto ata o venres 6 de febreiro.
As inscricións de grupos deberán realizarse a través da sede electrónica do Concello de Poio. As persoas que participen de maneira individual ou en parella poderán inscribirse tamén no rexistro xeral do Concello, de luns a venres entre as 8.30 e as 14.00 horas, ou, exclusivamente nestas dúas categorías, o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas, nas inmediacións da biblioteca.
O concurso contempla as categorías individual, parella e grupo, tanto en modalidade infantil (ata 14 anos) como adulta (desde os 15 anos). Os grupos deberán contar cun mínimo de tres participantes, manter unha unidade temática e poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil. Ademais, haberá distincións especiais de choqueiro e animación, compatibles co resto de premios.
A pasarela de comparsas da Seca terá lugar o venres 27 de febreiro a súa terceira edición.
Agrupacións de toda a provincia amosarán os seus disfraces e coreografías nunha xornada chea de música, animación e entrega de mencións especiais.
O tradicional enterro do Galo Fodorico está previsto para o sábado 28 de febreiro. na Praza do Mosteiro, seguido da tradicional Festa Choqueira, con chocolate quente e actuación musical.
Ademais, o calendario festivo inclúe o enterro do mexillón de Combarro, o 18 de febreiro; o enterro do berberecho de Lourido, o 1 de marzo; e o enterro do Galo Bruxo de Samieira, o 14 de marzo.