Pechado por obras o tránsito peonil pola pasarela de madeira no río Lameira

Marín
10 de setembro 2024

Os piares de sostemento da pasarela vense afectados polos traballos que se están a desenvolver no cauce. No proxecto inclúese a creación dunha senda peonil nova

Pechado por obras o tránsito peonil pola pasarela de madeira no río Lameira
Pechado por obras o tránsito peonil pola pasarela de madeira no río Lameira / Concello de Marín

A pasarela de madeira do río Lameira quedará temporalmente pechada ao tránsito peonil.

Segundo informou o Concello de Marín, as obras do río Lameira afectan aos piares de sostemento desta infraestrutura polo que, atendendo aos criterios técnicos, queda pechado o paso xa que estes traballos poden desestabilizala. 

Este proxecto supón unha importante inversión para deslocalizar todo o actual colector de saneamento que vai polo medio do río, renovalo e, polo tanto mellorar todo o saneamento da zona.

Ademais, o Concello recorda que dentro do proxecto inclúese a creación dunha senda peonil por todo o río, que permitirá mellorar un dos corredores verdes máis agradables do centro urbano da vila marinense.

No que respecta ao proxecto de saneamento, estase a executar unha obra de máis de 3 millóns de euros coa que actuamos sobre a rede de augas residuais da cunca do Lameira, que finaliza no bombeo do mesmo nome. Ese caudal chega ata o colector da Avenida de Ourense, onde finalmente impúlsase o saneamento ata a EDAR de Placeres. 

Este colector é un dos fundamentais de toda a rede de saneamento municipal, xa que cobre este servizo na maior parte do casco urbano. 

A orixe do colector está na PO-313, pero a maior parte discorre polo propio leito do río. Isto, sumado a que existe unha rede única (que suma fecais e pluviais) en gran parte das rúas. O alto grado de infiltración de auga de chuvia no sistema provoca que se sobrepase o caudal máximo e que, polo tanto, se produzan verteduras incontroladas ao medio ambiente.

Polo tanto, con este proxecto integral búscase resolver esta problemática, renovando o colector, mellorando o bombeo e interviñendo nalgúns puntos claves da rede, como en Coirados, Jaime Janer, a Barriada de Suboficiais, o Lavadoiro do Souto ou a zona de Mogor.