Pechan a rúa Otero Pedrayo polo "risco inminente" de caída do muro do Albergue de Peregrinos

Pontevedra
28 de decembro 2017

A medida adoptábase polo goberno local arredor das 13.30 horas da tarde deste xoves e alertouse aos responsables do Xacobeo para que apuntalen o muro ante o perigo de desprendementos

Corte da rúa Otero Pedrayo polo perigo de caída do muro do Albergue de Peregrinos PontevedraViva

Ás 13.30 horas da tarde deste xoves, a Policía Local por orde do goberno local de Pontevedra pechaba a rúa Otero Pedrayo ao tráfico debido ao perigo de caída dunha parte do muro de contención do Albergue de Peregrinos, situada nas proximidades á ponte na zona onde se atopa o asentamento chabolista. O equipo de enxeñería municipal revisou a "barriga" deste muro e os técnicos observaron que a evolución resultaba perigosa.

Desde o Concello de Pontevedra trasladouse xa a notificación ao Xacobeo, como responsable das instalacións do Albergue, para que adopte as medidas oportunas e apontoe o muro para evitar desprendementos sobre a beirarrúa e a calzada.

Polo momento, a zona atópase valada e os peóns teñen que circular polas proximidades do río  Gafos ante o "risco inminente" de caída. Só se permite o acceso con vehículos aos residentes na zona. A medida está a provocar retencións de tráfico na contorna da estación de trens.

Desde a Xunta de Galicia confirmouse ao Concello que o Albergue está pechado nestas datas, así que non se prevé a presenza de peregrinos nas instalacións.