Peche dunha semana de vacinación masiva na que foron citadas 14.350 persoas da área sanitaria

Pontevedra
11 de abril 2021

O Recinto Feiral de Pontevedra non cesou a súa actividade de vacinación este domingo 11 de abril, poñendo punto e final a unha campaña masiva durante os últimos días. Fíxoo, iso si, cunha xornada máis tranquila e con menos asistencia que nas anteriores

Vacinación masiva no Recinto Feiral de Pontevedra o domingo 11 de abril
Vacinación masiva no Recinto Feiral de Pontevedra o domingo 11 de abril / Cristina Saiz

Nin sequera en domingo descánsase no que a vacinación se refire. O Recinto Feiral de Pontevedra volveu a abrir as súas portas no último día da semana para poñer fin a unhas intensas xornadas de campaña de vacinación masiva na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

En total, en todo a área, foron chamadas a participar ata 14.350 persoas ao longo dos últimos días, entre o recinto pontevedrés e o de Fexdega en Vilagarcía.

Primeiro fixérono 5.350 persoas de entre 60 e 65 anos, nacidas entre 1956 e 1961, ás que se lle inxectou durante o martes e mércores a vacina de  AstraZeneca cunha asistencia do 75,6% dos citados, é dicir, 4.015 persoas, segundo os datos oficiais.

Pola súa banda entre o xoves e o sábado foi a quenda de preto de 9.000 persoas de entre 75 e 79 anos, para recibir no seu caso unha dose de Pfizer. Foron xornadas de asistencia masiva, chegando a producirse algunha cola a pesar da organización prevista.

En canto a este domingo, chamouse a preto de 2.000 persoas, repartidas entre a xornada de mañá e de tarde, de novo entre a franxa de 60 a 65 reservada para AstraZeneca e contando cunha asistencia algo menor que os días anteriores, segundo os profesionais alí presentes e a falta do balance oficial da Consellería de Sanidade.

Aínda que para este luns non hai previsión de recorrer de novo ao Recinto Feiral, durante a próxima semana está previsto volver convocar a un importante número de pontevedreses. Mentres tanto, a campaña de vacinación continuará activa nos centros de saúde e hospitais.