Peches simbólicos nos veterinarios para dicir "Basta xa" a normativas que "o único que fan é dificultar a atención sanitaria"

Pontevedra
11 de febreiro 2025
Actualizado: 17:27

Critican o Real Decreto 666/2023, que regula a distribución, prescrición e uso de medicamentos veterinarios, que lles enterra en burocracia e "ataca" o criterio facultativo

Protesta nunha clínica veterinaria de Mourente
Protesta nunha clínica veterinaria de Mourente / PontevedraViva

Entre as 11.00 e as 11.30 horas deste martes 11, clínicas veterinaria de toda España pecharon as súas portas en sinal de protesta polo novo Real Decreto 666/2023, que regula a distribución, prescrición e uso de medicamentos veterinarios.

En Pontevedra, moitas clínicas sumáronse ás protestas. Desde o seu centro en Mourente, Alberto Silva, presidente da Asociación Empresarial Veterinaria de Galicia, explica que con este xesto quixeron "dicir Basta xa" a unha situación que arrastran desde hai anos.

O novo decreto foi "a pinga que colmou o vaso que leva enchendo moito tempo" e decidiron pararse e protestar. Agora xa teñen decidido seguir con máis accións de protesta que terán que ir definindo.

Nesta ocasión, este peche simbólico rexeita a nova normativa, que obriga de rexistrar oficialmente os antibióticos que se recetan ás mascotas e obriga a realizar probas complementarias para xustificar estas prescricións.

Estas indicacións obríganos a "unha carga burocrática inasumible" e, ademais, "anula totalmente o criterio facultativo".

Así, indica que está de acordo na necesidad de regular a dispensación de antibióticos para frear o aumento da resistencia bacteriana, pero considera que a forma adoptada non é a adecada, pois obriga a "prescribir en base a un concepto administrativo" e non polo criterio do profesional.

Segundo explica Alberto Silva, este tipo de normativas "o único que fan é dificultar moitísimo a atención sanitaria", pois establece catro niveis de tratamento e obrigan a ir aplicando sempre desde o primeiro até o último, sen que os veterinarios poidan aplicar o seu criterio. "Encarece os tratamentos e provoca moitas demoras", cuestiona.

Ven nesta norma "un ataque directo ao criterio facultativo do veterinario" e non cren que sexa eficaz na loita fronte á resistencia bacteriana, que "debe estar baseada no noso coñecemento, na nosa titulación, na nosa formación continuada". Así defende que "o uso racional de antibióticos é algo que facemos desde sempre".

A carga burocrática é outra das súas queixas, pois "é inasemable o alto grao de complexidade dos trámites administrativos que implica unha simple prescrición", que esixe ou tempo de dedicación que resta tempo para atender aos animais, sobre todo, en clínicas de tamaño pequeno.

"O que fai é complicar absolutamente a atención sanitaria de calidade", insiste, e engade ás súas críticas unha vella demanda do sector, a baixada do IVE actual, do 21%, ao tipo super reducido do 4%. "Somos unha profesión sanitaria e, con todo, a nosa actividade nunca é tratada como unha actividade sanitaria", lamenta.

Así, critica que se lles aplica "o IVE dun artigo de luxo".