O colectivo ciclista Pedaladas vén de convocar unha 'bicifestación' que percorrerá as rúas de Pontevedra o próximo domingo 10 de febreiro para preguntar "que pasa coa bici" na cidade e instar ao goberno municipal a adoptar medidas para garantir unha axeitada mobilidade para os usuarios da bicicleta.
Será unha ruta de dez quilómetros que partirá da Praza de España ás once da mañá, segundo avanzaron os seus organizadores.
No itinerario, que non terá dificultade para que poidan participar ciclistas de todas as idades, atravesarás as rúas Echegaray, Paseo de Colón, San Roque, Avenida de Marín, Licenciado Molina, Rosalía de Castro, Sebastián González, Tablada, Xeneral Rubín, Raíña Vitoria, San Roque, Corbaceiras, Avenida do Uruguai, Ponte das Correntes ou Domingo Fontán.
Tras reagruparse en Rafael Areses, os participantes seguirán pola Ponte dos Tirantes, José Malvar, Figueroa, 12 de Novembro, Eduardo Pondal, Rúa da Estación, María Victoria Moreno, Alcalde Hevia, Augusto García Sánchez, Andrés Mellado, Peregrina, Pardo de Cela, Virxe do Camiño, Sagasta, Castelao, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena e Praza de España.
Esta 'bicifestación', sinalan desde Pedaladas, busca analizar cos usuarios de bicicleta as "carencias" que hai na cidade para facer da bicicleta un elemento "equitativo" de mobilidade urbana, "superando a lóxica actual de ser unha activade deportiva minoritaria".
Entre outras cuestións, Pedaladas reclama unha nova ordenanza de mobilidade, o impulso do paseo a Marín, unha vía verde cara Vigo, o acougado de tráfico na PO-546, a habilitación de "contrasentidos" ciclistas, un anel ciclista nas rúas periféricas da cidade, un itinerario ciclista entre o campus e as estacións ou unha unidade da Policía que patrulle en bicicleta.