Pedaladas reivindica a importancia do carril bici cunha 'bicifestación'

Pontevedra
10 de febreiro 2019

O colectivo ciclista protagonizou este domingo unha marcha de protesta na cidade co obxectivo de "visibilizar que hai moitísima xente que a día de hoxe non pode usar a bicicleta ou non pode saír cos nenos coa bici na cidade de Pontevedra", sinalou o seu representante Quique Pérez

Bicifestación de Pedaladas
Bicifestación de Pedaladas / Diego Torrado

"Día 10, 10km e 10 motivos para bicifestarse". Así rezaba o lema da protesta convocada este domingo por Pedaladas en Pontevedra.

Tratábase dunha marcha ou 'bicifestación' coa que o colectivo pretendía reivindicar a importancia do carril bici e "visibilizar que hai moitísima xente que a día de hoxe non pode usar a bicicleta ou non pode saír cos nenos coa bici na cidade de Pontevedra", sinalou o representante da asociación Quique Pérez.

Un grupo de usuarios da bicicleta, de todas as idades, completou a marcha de 10 quilómetros deseñada polas rúas do centro da cidade. Entre eles atopábase, tal e como anunciara previamente, o portavoz do Partido Popular local, Rafa Domínguez.

Segundo Pedaladas, o carril bici "fomenta a mobilidades ciclista, permite que persoas de todas as idades e condicións físicas poden usar a bicicleta", defendeu o seu portavoz.

Entre as demandas da asociación ciclista atópase a petición dun paseo ciclista e peonil a Marín, un anel ciclista que rodee a cidade, o acougado de tráfico en  Mollabao e a PO-546 ou a Vía Verde cara a Vigo, entre outras.

Pedaladas avanzou ademais que preparan outra 'bicifestación' que se realizaría "a primeira ou a segunda semana de abril", confirmou Quique Pérez.