Pedaladas pide que a estrada vella de Marín teña sentido único para coches e dobre sentido para ciclistas

Pontevedra
10 de xaneiro 2017

Reclaman tamén que se facilite o acceso ao traballo en bicicleta para os traballadores de Ence e de Elnosa a través dunha conexión ciclista que serviría como vía de comunicación para un uso lúdico en caso de que se anulase a concesión  

Tráfico e ciclista pola PO-546, vella estrada de Marín
Tráfico e ciclista pola PO-546, vella estrada de Marín / Mónica Patxot

A asociación Pedaladas realizou unha serie de propostas para a estrada vella de Marín, PO-546, que conta con numeroso tráfico ciclista. polo que considera que debe manter ambos os sentidos para as bicicletas e que a solución pasa por eliminar un carril de circulación nesta vía xa que, segundo explican, a sección coa que conta Rosalía de Castro resulta insuficiente. Ademais reclaman beirarrúas en boas condicións.

Ao mesmo tempo, solicitan que o Concello, como mínimo, se faga cargo do tramo ata Pontemuiños, para mellorar a seguridade viaria desta contorna. Apuntan que conseguir a cesión de menos tramo da PO-546 supón depender da Xunta para a mellora na seguridade viaria que, segundo sinalan, conta cun criterio máis suave coas velocidades perigosas fronte ao Concello de Pontevedra. 

Tamén piden unha senda peonil que chegue ata o Pazo de Lourizán. Sinalan que a distancia desde a Peregrina ata estas instalacións en bicicleta é de 3,6 quilómetros e leva 12 minutos en bicicleta. Por este motivo, piden unha senda que permita achegarse tanto camiñando como en bicicleta.

Por outra banda, o colectivo pide que se facilite a mobilidade laboral a Ence e a Elnosa de forma que os traballadores poidan acudir a estas empresas en bicicleta a través dunha vía de comunicación que, no caso de que se anule a concesión para que permanezan en Lourizán, poderíase utilizar para uso lúdico.

Reclaman, ademais, que os 300 camións pesados que move Ence cada día accedan ao recinto da factoría pola PO-11, no víal que vai pegado á ría. Entende que na PO-546 ese tráfico crea molestias e resulta perigoso ao seu paso polos Praceres.