Ao insti, en bici e seguros

Pontevedra
12 de xaneiro 2017

O programa formativo de Pedaladas chegou este mércores ao instituto Frei Martín Sarmiento de Pontevedra. Un monitor do colectivo e o axente da Policía Local Jorge Alvarez impartiron a primeira xornada do curso Ao INSTIenBICI, que busca salientar a importancia da formación para reducir o numero de falecidos 

Primeira xornada do curso Ao INSTIenBICI no IES Frei Martín Sarmiento
Primeira xornada do curso Ao INSTIenBICI no IES Frei Martín Sarmiento / Pedaladas

O programa formativo da asociación Pedaladas chegou este mércores ao instituto Frei Martín Sarmiento de Pontevedra. Un monitor do colectivo, Quique Pérez, e o axente da Policía Local Jorge Alvarez impartiron a primeira xornada do curso Ao INSTIenBICI, que busca salientar a importancia da formación para reducir o numero de falecidos nas estradas. 

O curso é a terceira acción da programación da iniciativa 'Cero Violencia Viaria: Obxectivo cero mortos' que está a realizar Pedaladas este mes de xaneiro, despois de que xa fixeran un chamamento aos ciclistas para que saian á rúa coa súa cámara e faciliten as imaxes das condutas perigosas e visitaran o barrio de Mollabao.

Segundo explica o colectivo, con este curso queren dotar aos rapaces das competencias para facer un uso seguro e responsable da bicicleta, pero tamén crear futuros condutores de automóbil máis empáticos e respectuosos coas normas cun ensino baseado en valores de convivencia.

Entre outras cuestións, explicáronlles aos alumnos que para circular dentro de cidade e na zona 30 as bicicletas deben ir próximas ao centro do carril para previr adiantamentos perigosos e a apertura de portas e que nos espazos de plataforma única a prioridade é, por esta orde: peóns, ciclistas e coches.

O uso obrigatorio do casco nos menores de 16 anos en todo caso e en vías interurbanas para os maiores desa idade, o perigo de usar os pasos de peóns como ciclistas, a prohibición de usar o teléfono, auriculares e estar baixo a influencia de alcohol e drogas e os elementos obrigatorios da bicicleta (freos en ambas rodas, luces dianteira e traseira, o timbre, o catadióptrico traseiro e o chaleco pola noite en vías interurbanas) completan os contidos do curso. 

O curso está dividido en catro xornadas, de modo que aínda hai pendentes outras tres que se realizarán durante o mes de febreiro para dar ao alumnado do instituto competencias básicas no uso da bicicleta, competencias e estratexias seguras na calzada e, para rematar, aportarlle experiencia na rúa con tráfico real a través dunha saída acompañados da Policía Local.