Pedaladas quéixase de que o informe de mobilidade non ofrece facilidades para os ciclistas

Pontevedra
15 de outubro 2018

Desde o colectivo promotor do uso da bicicleta consideran que o Concello "parece que non é amigo da bicicleta para todas as persoas sen importar idade ou condición física" 

Actividade ciclista de Pedaladas
Actividade ciclista de Pedaladas / Mónica Patxot

A asociación Pedaladas lamenta que o informe encargado polo Concello de Pontevedra desautorice as políticas de cidades como Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Málaga e Sevilla sobre o uso da bicicleta. O informe elaborado polo enxeñeiro Fernando Nebot é, segundo este colectivo, unha alegación contra o carril bici, contradicindo as ideas que se establecen nas grandes cidades de España e de Europa.

Indican que é incomprensible que nun informe se explique en 16 páxinas que un ciclista circula máis seguro rodeado de vehículos a motor que nun carril bici rodeado de bicicletas. Sinalan que a única lóxica deste documento se atopa en xustificar que Pontevedra non ten nin queren que teña unha mínima rede ciclista que permita usar a bicicleta sen importar a idade ou a condición física.

Os representantes de Pedaladas van solicitar unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para tratar este tema. Lamentan que o concelleiro e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, se amose "cómodo" con este informe no que non se contempla unha soa liña do beneficiosa que é a bicicleta para a saúde, a calidade de vida e o acougado de tráfico.

Desde a asociación de apoio ao uso da bicicleta lamentan que o informe recomende acabar coa autonomía infantil indo en bicicleta e que catalogue aos escolares como perigosos e sen autocontrol, limitando a un máximo de 10 anos o uso das bicicletas nas beirarrúas.

Afirman que ese documento de Nebot no que se recomenda non regular os VMP (patinetes eléctricos e dispositivos similares) carece de sentido. Sinalan que se non se regulan estes vehículos quedan "de facto prohibidos" e os seus usuarios seguirán sendo multados con sancións de 500 euros. 

Ante esta situación, Pedaladas denuncia que se está a facer un "uso partidista dunha ordenanza de mobilidade e de informes técnicos que deben ser imparcias" coa intención de rexeitar calquera decisión que ofreza facilidades aos ciclistas.